Canto falta para ver coches totalmente autónomos por Xinzo?
12:18 13/01/25
12:18 13/01/25
Sistemas que xa se están usando na Limia para o guiado autónomo dos tractores nas parcelas
O coche autónomo é a revolución que moitas das persoas que conducimos diariamente por obriga para ir a traballar estamos desexando que chegue canto antes aos usuarios.
Pero primeiramente hai que ter claro, que se entende por coche autónomo?
Un coche autónomo é un vehículo capaz de conducirse de forma automática sen intervención humana ou con intervención mínima, vehículos que basicamente toman decisións sobre dirección, aceleración, freada e navegación.
A partires de aquí a ou Sociedade de Enxeñeiros de Automoción ou Society of Automotive Engineers (SAE) establece distintos niveis de autonomía dos vehículos. A SAE é unha organización internacional de carácter profesional que se especializa no desenvolvemento de estándares e boas prácticas nos sectores da automoción, aeroespacial e sistemas de mobilidade.
A clasificación SAE dos niveis de autonomía serve como guía para fabricantes para saber en que nivel está o seu vehículo e comparar coa competencia, serve aos gobernos e reguladores para lexislar e aplicar política concordantes co nivel de desenvolvemento, e por suposto para os consumidores para entender as capacidades e limitacións de cada coche.Os graos de autonomía definidos e aceptados internacionalmente como un estandar son 6 (do 0 ao 5), sendo o nivel 5 o de máxima autonomía:
Nivel 0 (Sen automatización): O condutor controla todo (acelerar, frear, xirar). Só hai sistemas de asistencia como alertas ou freado de emerxencia.
Nivel 1 (Asistencia ao condutor): O coche ofrece axuda nunha función específica, como control de cruceiro adaptativo ou mantemento de carril, pero o condutor segue sendo responsable.
Nivel 2 (Automatización parcial): O coche pode controlar a dirección e a aceleración/freada ao mesmo tempo (como o autopilot de Tesla), pero o condutor debe supervisar constantemente e estar preparado para intervir.
Nivel 3 (Automatización condicional): O coche pode conducirse só en certas condicións (como autopistas ou tráfico lento) e o condutor só intervirá se o vehículo o solicita.
Nivel 4 (Automatización alta): O coche é completamente autónomo en situacións específicas (por exemplo, condución urbana ou taxis autónomos en zonas delimitadas). Non precisa supervisión humana.
Nivel 5 (Automatización total): O vehículo é totalmente autónomo en calquera circunstancia. Non necesita volante, pedais nin intervención humana.
Onde estamos hoxe?
A maioría dos vehículos comerciais están nos niveis 1 e 2, así que na práctica xa estamos vendo “coches autónomos” por Xinzo, aínda que o que queremos é ver coches que non precisen de conductor.
A chegada dos coches autónomos dos niveis máis altos a unha localidade como Xinzo de Limia igual que ao resto do mundo depende de 4 factores básicos:
Desenvolvemento tecnolóxico: Empresas como Volvo, Waymo (antes coñecida como Google Self-Driving Car Project) ou outras xa están probando coches autónomos de nivel 4 en contornas controladas e en cidades máis avanzadas. Porén, aínda non son comúns fóra desas áreas específicas.
Infraestrutura: As estradas precisan adaptacións como sinalización axeitada, conectividade 5G e mapeado de alta precisión, algo que pode levar máis tempo en zonas rurais coma Xinzo.
Regulación: En España xa hai normativas que permiten a circulación de vehículos autónomos, pero estas restrínxense a probas concretas en lugares seleccionados.
Demanda: que, por suposto, estará moi ligada ao prezo de mercado dos utilitarios.
A medio prazo (5-10 anos), é probable que en Xinzo só sigamos vendo vehículos con niveis de autonomía baixos, equipados con sistemas avanzados de asistencia como o control automático en atascos ou o aparcadoiro autónomo. A longo prazo (10-20 anos), se se realizan melloras nas infraestruturas e a tecnoloxía continúa avanzando, poderían aparecer vehículos autónomos dos niveis máis altos.
O ritmo deste progreso dependerá, entre outras cousas, das iniciativas que se poidan impulsar na comarca, tales como proxectos piloto que inclúan incentivos para modernizar as estradas e os sistemas de comunicacións. Sistemas que xa se están usando na Limia para o guiado autónomo dos tractores nas parcelas, feito que, ben xestionado pode converter a zona nun espazo moi atractivo para a realización de iniciativas avanzadas que beneficie a usuarios actuais e futuros.
O nivel 5 é aínda un obxectivo a longo prazo, moi complexo de acadar sobre todo dende o punto de vista de regulación, posto que se producen dilemas morais en situacións críticas moi difíciles de resolver dende o punto de vista dunha máquina, ou mellor dito, dende o punto de vista dos programadores destas máquinas. Ninguén quere, pode, nin debería, asumir a responsabilidade da toma de decisións en situacións fatais inevitables. A resolución destes dilemas posiblemente sexa un dos obxetivos da recentemente inaugurada na Coruña AESIA (Agencia Estatal de Supervisión de la Inteligencia Artificial).
Seremos nós ou, máis ben, a xeración que sacando o carné nesta década, quen lles diga as nosas netas e netos: “antes había que “conducir” o coche, tiña unha palaca de marchas e tres pedais: acelerador, freno e embrgue… “
Haberá unha última xeración de “conductores” de coches?
Manuel Pozo Fariñas
Enxeñeiro de Telecomunicacións
Xaneiro 2025