O Antela sigue imparable (CD Allariz 0- Antela FC 2)

O Antela sigue imparable (CD Allariz 0- Antela FC 2)

O Antela gañou en Allariz (0-2) nunha segunda metade notábel cun Antón espléndido ante un rival que puxo en dificultades aos limianos.

O xoves, ao rematar o adestramento, o Antón estaba sentado no chan da Moreira, cos pés nus, abatido, sen aura. “Non me fun unha soa vez do Peque”, laiábase. O Antón levaba así moitas semanas. Quería e non podía.

Onte volveu ser o Antón ao galope da súa clase, dúas pernas para conducir, fintar e rebentar o balón. Un tipo con aura difícil de parar cando toma impulso nos últimos vinte metros. O Antón abriu unha pista ampla pola esquerda do ataque limiano e por alí chegaron as ocasións, o penalti e o gol final, un tiro seco coa zurda. O mellor Antón da tempada -o dos partidos e os goles contra o Nogueira e o Velle- aproveitou as facilidades que deu o Allariz para inaugurar o 2025 camiño da Preferente.

O Antela, incómodo, comezou a tarde lento e sen ligar dous pases con xeito. Con Carlos abandonado entre os centrais e o mediocampo desorganizado e sen saber moi ben a que xogar. Así que o Allariz, con menos calidade pero con máis nervio, viviu media hora sen sobresaltos e cando decidiu estirarse topou facilidades. Bruno Pio evitou a catástrofe antes do descanso, e Bruno Gómez empezou a corrixir o plan antes do previsto. Deixou a Joni no vestiario e colocou a Jorginho con Carlos.

Mais agresivo e sempre disposto á pelexa, o xuvenil cambiou o sino do partido. Puido marcar Pedro, pero parou Marcio. O Antela deu un paso adiante, o Allariz repregou e apareceu no campo Antón para decidir o partido. Enfronte non topou a Peque, senón a un xuvenil con boas maneiras pero só tres partidos na categoría.

O Antón merendouse ao rapaz en dúas carreiras e derrubou cando e como quixo o muro defensivo local. Nunha desas encarou ao central, foise e o defensa fixo penalti. Breixo anotou o seu 8º gol. O Antón levaba doce minutos no campo. Pouco despois, a presión alta de Antón e Jorginho permitiu un roubo case na área pequena que salvou Marcio. Máis tarde, co Allariz case rendido, Antón, pleno de confianza, colleu un balón a uns metros da frontal e encarou, avanzou, avanzou máis e soltou un mísil coa zurda que sorprendeu a Marcio no primeiro pau. Foi o gol 40 do Antela nesta Liga, e leva a firma de Antón: un golazo.

Debutou Brais Outeiriño. Pedro, Xabi e Cole, como de costume, tiraron do equipo nos peores momentos. Bruno Pio ofreceu outro partido serio na portería. Jorginho volveu liderar aos lobos cando chegou o momento. Cos lobos xa corre outro elemento: Lois, que volve das vacacións como unha moto. Así rematou a primeira volta e empezou o ano, co Antela con media Liga gañada.

O seguinte son catro datas subliñadas no calendario: o 2 de febreiro (visita ao Nogueira, hoxe a 16 puntos), o 16 de febreiro (visita a Velle, tamén a 16 puntos), 2 de marzo (visita ao Polígono, a 15 puntos) e 9 de marzo (clásico na Moreira co Celanova, hoxe o rival máis próximo a 11 puntos). En medio están, ademais do Entroido, o Maside, o Loñoá, o Melias e o Carballiño (estes tres últimos na Moreira antes de marzo). Todos terán ocasión de se lucir, mais cando o Antón loce, marabilla.

Allariz, 0; Antela, 2.

Goles: 0-1, min. 66: Breixo, de penalti; 0-2, min. 85: Antón.

PRÓXIMO PARTIDO, xornada 18: Maside – ANTELA (19 de xaneiro de 2025)

Alz ant 10 1536x1153