Pelepau, Leticia Sabater e a orquestra Kubo, entre os grandes atractivos deste ano Xinzo reafirma o seu lugar como capital do Entroido en Galicia e Europa

​Xinzo de Limia presenta o Entroido 2025: máis dun mes de festa, tradición e música

​Xinzo de Limia presenta o Entroido 2025: máis dun mes de festa, tradición e música

Do 8 de febreiro ao 9 de marzo, Xinzo de Limia celebrará o Entroido máis longo de Europa.

O Entroido de Xinzo de Limia, recoñecido como Festa de Interese Turístico Internacional, arrancará o sábado 8 de febreiro co tradicional Petardazo e prolongarase ata o domingo 9 de marzo co Domingo de Piñata, nunha edición que reafirma o seu carácter como o Entroido máis extenso e único de Europa.

Organizado pola Concellería de Festas, dirixida por Ricardo Sieiro, o programa deste ano aposta por un Entroido seguro, accesible e con actividades para todas e todos, co obxectivo de ofrecer unha experiencia de calidade tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.

O alcalde de Xinzo, Amador Díaz, subliñou: “O Entroido de Xinzo é unha cita imprescindible, non só para a nosa vila, senón para toda Galicia e máis aló. É un orgullo convidar a todas e todos a participar nunha celebración que pon en valor a nosa cultura, a nosa tradición e a nosa hospitalidade.”

A música será unha das grandes protagonistas do Entroido 2025, con máis de 60 pases de charangas e a participación de máis de 40 grupos e artistas ao longo dun mes de programación. Entre os nomes destacados atópanse Pelepau, que actuará no Colgamento do Meco, a orquestra Kubo, que pechará o Domingo de Piñata, e a actuación especial de Leticia Sabater na 1ª Festa Glam Entroido.

Con máis dun mes de actividades, Xinzo de Limia converterase no epicentro da festa, a cultura e a diversión, ofrecendo a todas e todos unha oportunidade única para vivir o Entroido máis longo de Europa. Este Entroido aspira a ser, unha vez máis, un referente de calidade, tradición,  modernidade e seguridade.

1