Arquivan unha denuncia contra Emilio Pazos, alcalde de Trasmiras.

Arquivan unha denuncia contra Emilio Pazos, alcalde de Trasmiras.

"Dende o principio nunca dubidei da capacidade e do bo facer dos técnicos do concello."

A Fiscalia Provincial de Ourense arquiva as dilixencias de investigación contra o alcalde de Trasmirás, Emilio Xosé Pazos Ojea, por un presunto delito de prevaricación urbanística.

A Fiscalía argumenta que “os feitos denunciados non resultan penalmente típicos nin minimamente corroborada a infracción penal porque a legalización da construción e o pagamento dos servizos prestados cumpriron o procedemento administrativo sinalado sen reparo nin recurso algún”. 

En declaracións do alcalde, Emilio Pazos, a este medio: "Dende o principio nunca dubidei da capacidade e do bo facer dos técnicos do concello. Eu si firmo unha licencia é porque me di a arquitecta, técnica do concello, que se pode outorgar esa licencia. En referencia ao pagamento, eu firmo o pagamento dunha factura porque detrás hai un expediente, que leva a interventora, que di que se pode pagar esa factura. Polo que eu nunca tiven ningunha dúbida, nin ningunha preocupación ao respecto.  

A orixe de todo isto ven das preguntas da oposición, o BNG, nun pleno, onde lle trasladan as preguntas ao denunciante e el realiza unha denuncia por prevaricación e malversación de fondos. Polo que decidín que, a mellor maneira era pasarlle a fiscalía os expedientes que lle dan validez as técnicas do concello, tanto a secretaria-interventora, como a arquitecta municipal."

O pasado mes de maio, o denunciante presentaba unha denuncia ante a fiscalía argumentando que a licencia outorgada polo concello a unha construción en Escornabois non se axustaba a normativa vixente.

"¿ Cal é a realidade dos pobos? A maioría, o 99%, das casas están feitas sen licencia e sen proxecto. Fóronse facendo a medida que a xente podía, que ía tendo os cartos, sobretodo naquel boom en que volveron os retornados de Alemaña, Suiza, Francia, que viñan con cartos e fixeron as casas. Pero a eses veciños fóiselle arranxando cun certificado de antigüidade, pero iso é a Lei, non é o alcalde de Trasmiras.

Dende fai 4 anos existe un plan urbanísticos nos pobos, ata ese momento non o había, polo que se podería dicir que todas as casas eran ilegais. Por iso estivemos pelexando 10 anos coa Xunta, para que nos aprobará o plan xeral. ¿Por que se vai facer agora unha residencia? porque hai un ordenamento urbanístico que permite dar esa licencia de obra, ao igual que o cemiterio. Ata agora non se podía construír, porque no había ordenamento urbanístico." 

Ademais, acusaba ao rexedor de autorizar o pago de dous servizos -a instalación dunha carpa e o  alumeado de Samaín- que non se utilizaran. 

Agora, a investigación realizada pola Policía Xudicial e a documentación aportada acreditan que o Concello de Trasmiras cumpriu co procedemento tanto na legalización da construción coma nos servizos prestados.