Xa se implantou o Axente Mediador da Policía Local no ámbito educativo

24 casos de violencia de xénero no último ano en Xinzo

Reunión da xunta local de seguridade
24 casos de violencia de xénero no último ano en Xinzo

No mesmo periodo aumentaron os delitos contra o patrimonio

O secretario xeral da Subdelegación do Goberno en Ourense, Manuel Arias, e o alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, copresidiron a Xunta Local de Seguridade na que se coordinou o dispositivo de seguridade de cara ás vindeiras celebracións do Entroido 2025, ao tempo que se analizou a situación da seguridade cidadá no municipio, os casos de violencia de xénero e o Plan Director para a Convivencia nos centros educativos.

En relación ao Entroido, unha das festividades máis sinaladas e participativas da comarca limiá, aos efectivos da Garda Civil e Policía Local que velarán pola seguridade, sumaranse catro vixilantes que serán contratados polo Concello. A Garda Civil adiantou na reunión que incrementará as cámaras de vixilancia na zona, comezando o Día do Petardazo, que será o punto de partida dos festexos o 8 de febreiro, e intensificaranse os controis de alcohol e drogas nas estradas .

Ademais, Xinzo contará cun punto violeta durante todas as celebracións do Entroido, para previr agresións sexuais ou casos de violencia sobre as mulleres que participen nas diversas actividades. O seu persoal estará coordinado coas forzas e corpos de seguridade e unha parte do mesmo, debidamente identificado, tamén permanecerá percorrendo as rúas para que quen o precise poida acudir a el.

En canto á seguridade cidadá, entre os datos expostos nesta xunta local destacou que no 2024 se produciu en Xinzo un aumento dos delitos contra o patrimonio. E no tocante á violencia de xénero, dos 536 casos activos neste momento na provincia, 24 corresponden ao Concello de Xinzo, en 19 dos cales o agresor conta con prohibición de aproximación e comunicación coa vítima.

Ademais, na reunión tamén se fixo repaso das actuacións preventivas enmarcadas na aplicación do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas, destacando a gran participación do alumnado nas actividades organizadas, pero manténdose como reto lograr unha maior implicación das ANPAS.

Así mesmo, neste eido, a Policía Local de Xinzo puxo en valor a figura do seu axente mediador, que intervén na procura da resolución dos conflitos interpersoais entre os rapaces, os cales en ocasións acadan o entorno educativo.

Na reunión tamén estiveron presentes representantes da Xunta de Galicia; Garda Civil, Policía Local, Protección Civil e Bombeiros de Xinzo; así como a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación do Goberno, Alida Iglesias.