Elvira Lama apunta que “o grupo de goberno debe establecer as prioridades e atender unhaxusta e vella demanda da veciñanza destas rúas sen máis dilación e darlles solucións aos problemas que padecen”
O PSDEG de Xinzo denuncia o mal estado do casco vello
As e os socialistas veñen de rexistrar unha moción na que piden que se destinen os 377.000 euros do plan da Deputación no acondicionamento e en repoñer o pavimento destas rúas.
O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia insta ao goberno municipal de Axil e o PP a destinar os fondos do Coperou no acondicionamento e reparación das rúas do casco vello. As e os socialistas veñen de rexistrar unha moción para o seu debate en sesión plenaria na que piden que se destinen os 377.000 euros do plan da Deputación no acondicionamento e en repoñer o pavimento das rúas do casco vello, que se atopan “en moi mal estado”.
Dende o Grupo Municipal Socialista son conscientes do mal estado de diversas rúas do casco vello e así o veñen denunciando continuamente. As e os socialistas critican “os continuos parcheados e as promesas de Amador Días e do PP de que van conseguir a posta en marcha do Plan Hurbe”. Un plan que tal e como apuntan dende o PSOE de Xinzo “non acaba de chegar, a pesar das numerosas promesas” e lembran que o documento do ano 2022 “contemplaba a actuación nas tres rúas principais, deixando se actuacións as rúas máis pequenas como Serra de Manzaneda, Serra de Queixa, Serra do Larouco, Serra do Furriolo, Serra do Padrón ou barrio do Regueiro”.
As veciñas e os veciños destas rúas máis pequenas do casco vello demandan dende hai tempo a reparación e as melloras de acondicionamento e tamén maior vixilancia ante ruídos, molestias e vandalismo e ante as agresións nas propiedades privadas e públicas.
“A escasa partida de 300.000 euros que o concello destina a investimentos en obras fai imposible levar a cabo estas actuacións”, explica a voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo, Elvira Lama Fernández. Ante esta situación pide que “se destine a aportación da Deputación mediante o Plan Coperou, do cal lle corresponden a Xinzo 377.000 euros, a acometer definitivamente e na súa totalidade, ou por fases estas obras, previo estudo e proxecto corresponden e seguindo as directrices dos técnicos”.
A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo sinala que o barrio de Abaixo “leva anos, por non dicir décadas sen obras de acondicionamento debido ao escaso orzamento municipal para obras, ou por non acadar financiamento doutras administracións”. Lama Fernández apunta a que “agora é un bo momento para acometer estas obras, por contar con recursos adicionais da Deputación de Ourense, que pasaron dos 85.500 euros anuais a 377.000 para este 2025”. Investimentos que veñen recollidos no novo plan de financiamento do ente provincial e que foi consensuado no ano 2023 polo Grupo Provincial Socialista na Deputación.
As e os socialistas piden nesta moción rexistrada, que se faga o proxecto, que se destinen os recursos necesarios e suficientes, e tamén a posibilidade de acometer as obras por fases, se fose necesario, esperando contar coa confianza e a aprobación de tódolos grupos. “O grupo de goberno debe establecer as prioridades e atender unha xusta e vella demanda da veciñanza destas rúas sen máis dilación”, finalizan as e os socialistas.