UNHA PARADA DE BUS INSERVIBLE

UNHA PARADA DE BUS INSERVIBLE

En conclusión, a parada pode ser moi bonita, non cabe dúbida, pero esta nin ampara ao mal tempo, nin é cómoda, nin ten suficientes bancos...

Os alumnos dos dous institutos de Xinzo non teñen un bo sitio onde esperar ao autobús.

Coa chegada do inverno tamén chegan á nosa terra borrascas como “Herminia” que, en maior ou menor medida, provocan chuvia, vento e frío durante os primeiros meses do ano. Con todo, os alumnos de ambos institutos nunca tiveron onde esconderse do mal tempo.

Sabendo como é o inverno na Limia, todos esperaríamos que o lugar onde os adolescentes da comarca teñen que esperar polo autobús fose funcional nos meses de inverno pero, lamentablemente, acontece o contrario. Por que digo isto?

Pois ben, parece que o arquitecto que deseñou a parada só buscaba con ela que fose “bonita” e “moderna” esquecendo que, como con calquera outro elemento urbano, o principal nela debería ser a súa funcionalidade, nada máis.

A parada de autobuses dos institutos é, falando rápido e mal, tres paus e un tellado que dende logo, nunca deron protexido ao alumnado do mal tempo. Ao non haber nin unha soa parede, da igual de onde veña a chuvia, pois esta chega polo vento case ata o medio da parada e corre polo chan inclinado, facendo que todos os alumnos que agardan o bus cheguen a casa empapados. Ademais, xa vos imaxinaredes que cando sarabia, neva ou hai tormenta a cousa empeora, facendo que decenas de rapaces se intenten resgardar sen éxito do mal tempo e, moitas veces, algún que outro quede fóra por non haber sitio para todos.

Doutra banda, por se non fora pouco mollarse cando chove, o certo é que cando fai bo tempo a situación do alumnado tampouco é moi boa, xa que esperar polos autobuses (que van con retraso a miúdo) ata incluso trinta minutos, non é moi cómodo cando o fas sentado nun “banco” no que, de novo, non se buscou a funcionalidade, xuntando un par de ferros pintados de cor azul nos que non queda nada claro como poñerse para estar cómodo.

En conclusión, a parada pode ser moi bonita, non cabe dúbida, pero esta nin ampara ao mal tempo, nin é cómoda, nin ten suficientes bancos... é un elemento completamente disfuncional situado no parking da zona dos institutos que non cumpre nin de lonxe o que se espera del. Dende o meu punto de vista, o alumnado limiao merece unhas mellores condicións no mobiliario urbanístico da zona escolar.

DANIEL RIVERO MENO