Unha Pantalla de grandes dimensións toma vida en Xinzo
A obra de case 500 metros cadrados estará rematada antes da festa
Unha imaxe que reflicte a esencia dun Entroido recoñecido internacionalmente
Xinzo de Limia contará cun novo atractivo turístico co remate dun espectacular mural dedicado ao Entroido, que se está a pintar na céntrica rúa Dos de Maio, xunto ao MUGAE. A obra, financiada pola Xunta de Galicia e promovida pola Concellería de Cultura, recolle unha icónica imaxe dunha pantalla, baseada nunha fotografía de Noelia Caseiro.
Os artistas encargados de darlle vida a este mural de 458 m² son Néstor Reinaldo e Pablo Loyola, quen están a traballar con técnicas mixtas para garantir a súa durabilidade e impacto visual. A iniciativa, que estará rematada xusto antes do inicio do Entroido, busca converterse nun punto de referencia para veciños e visitantes, convidándoos a fotografarse coa imaxe e a compartir o espírito do noso Entroido.
O proxecto conta cun investimento total de 14.852,89€ (IVE non incluído) e inclúe non só a pintura, senón tamén materiais de protección, medios de elevación e a realización dun timelapse fotográfico e en vídeo, capturando o proceso de creación desta obra que pasará a formar parte do patrimonio artístico e cultural da vila.
Con este mural, Xinzo reafirma a súa identidade e pon en valor o Entroido como elemento diferencial, dinamizador e atractivo para o turismo, en vésperas dunha das festas máis esperadas do ano.