A XUVENTUDE NON TEN SENTIMENTO
Sorprenderá a moitos saber que aínda que se pense o contrario, despois de ter preguntado a xente da miña idade, os días que máis nos gustan adoitan ser aqueles máis enxebres ou cargados de tradición.
Hoxe en día é moi común que, estando a piques de comezar o que para moitos é o mellor momento do ano, a xeración Z comece a escoitar que facemos do Entroido “unha festa máis”. É isto certo?
É normal que as xeracións máis vellas critiquen ás máis novas por calquera cousa pero, neste caso, o descontento dos maiores é xeral cando din que “só sabemos andar cunha botella na man”, “perdemos a retranca”, “non respectamos as tradicións”...
Dunha banda, non é sorpresa para ninguén saber que, a nosa idade e no mundo no que vivimos, a importancia na aparencia física provoque que os nosos disfraces perdan, por regra xeral, a retranca que sempre se buscou ao facelos. Hoxe en día o que máis vende na meirande parte dos días de Entroido son os disfraces de preso, pirata, peluche... aqueles sinxelos que, sen dúbida algunha, non van eliminar as posibilidades de ligar nesa noite.
Doutra banda, sabemos que para ben ou para mal, a xeración Z engadimos ao Entroido algo que os maiores sempre están a criticar: o botellón, unha parte da nosa maneira de festexar e socializar que, como en moitas outras festas, acabou arraigando tamén aquí. Non obstante, se prestamos atención decatámonos de que son nos días como o Petardazo ou o sábado de Entroido cando esta costume marca máis tendencia, pois son días menos “enxebres” e con menos traxectoria nos que a celebración si que está máis orientada cara á festa nocturna, facendo que tantos os de aquí coma os turistas que nesas datas enchen as rúas se deixen levar. Cambia iso a nosa perspectiva sobre a tradición?
Sorprenderá a moitos saber que aínda que se pense o contrario, despois de ter preguntado a xente da miña idade, os días que máis nos gustan adoitan ser aqueles máis enxebres ou cargados de tradición. Enfariñarnos en Fareleiro, a oportunidade de vestir como os nosos devanceiros no Meco e no Oleiro ou sacar por fin no Corredoiro o traxe de Pantalla segue a tirar de nós tanto como o fai nos Millenials e nos Boomers, gústanos a nosa cultura tanto como a calquera.
Si, os xoves da Limia tamén fan botellón, desfrutan dos “carritos” da rúa dos viños e tenden a mercar o seu disfrace no bazar, costumes quizais negativas que agromaron na nosa xeración e se levan a debate cada ano. Pode que haxa cousas que poderíamos mellorar pero, posiblemente, estas situacións tan criticadas vaian desaparecendo co paso do tempo ao igual que o fixeron moitas outras segundo anteriores xeracións ían crecendo. No noso Entroido deberían quedar os conflitos e pelexas á marxe e simplemente desfrutar sen importar o resto.
Aínda con todo isto, do que non se debe dubidar é de que a nosa xeración ten Sentimento. O son das vexigas e as campás corre por nós e cada ano esperamos con ansias que a conta atrás do reloxo da praza Carlos Casares por fin remate. Amamos a nosa cultura e non temos vergonza de presumir dela.
Os mozos e mozas da Limia somos entroideiros de corazón e, un ano máis, estamos dispostos a demostralo.
Daniel Rivero Meno