A planificación, liderada polo Executivo galego e co Instituto de Conservaçao da Natureza e Forestas de Portugal como socio, favorecerá o aspecto ambiental ao tempo que promoverá as actividades socioeconómicas na zona

Impulso da reserva da biosfera Gerês-Xurés

Impulso da reserva da biosfera Gerês-Xurés

A Xunta asina un convenio de colaboración transfronteirizo entre Galicia e Portugal coa que optan a 30 millóns de euros de Fondos Europeos

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, presidiu hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre Galicia e Portugal para a elaboración dunha estratexia de impulso á Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés coa que este espazo protexido poderá optar a 30 millóns de euros de fondos europeos.

A Estratexia de Desenvolvemento Territorial da Área Funcional da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (Egexur) estará liderada pola Xunta, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, e terá como socio luso ao Instituto de Conservaçao da Natureza e Forestas de Portugal. De feito, o acordo de colaboración foi asinado pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e pola directora da Rexión Norte do instituto portugués, Sandra Sarmento.

20250204 AVMSinaturaConvenioGeresXures2

A responsable autonómica explicou que esta iniciativa impulsará a conexión dos 11 municipios galegos e portugueses que integran a reserva transfronteiriza tendo como eixo principal o aspecto ambiental e favorecendo a restauración e conservación dos ecosistemas existentes no ámbito da reserva. Ao mesmo tempo, a planificación terá en conta o impacto turístico co fin de promover as actividades socioeconómicas na zona.

A estratexia deseñarase nos próximos meses mediante a celebración de distintas reunións con expertos na materia -como recoñecidos investigadores de universidades da eurorrexión con experiencia no desenvolvemento de liñas de traballo conectadas coa reserva da biosfera- ou representantes dos municipios e axentes locais para identificar posibles problemáticas existentes.

A realización deste plan e a súa posterior aprobación permitirá ao territorio optar este ano a fondos do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal (Poctep), que conta con máis de 30 millóns de euros para as áreas funcionais do espazo transfronteirizo de España e Portugal. Delas, a Reserva da Biosfera Gerês-Xurés destaca pola súa singularidade e dimensión cunha extensión de preto de 260.000 hectáreas de superficie (máis de 63.000 hectáreas en territorio galego) sendo ademais unha das tres reservas da biosfera transfronteirizas entre España e Portugal.

Rede de reservas

Ángeles Vázquez tamén presidiu hoxe a reunión ordinaria do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, onde apostou pola suma de esforzos desde todos os ámbitos para acadar a creación da oitava reserva da biosfera da comunidade e avanzar así na protección do patrimonio natural galego.

A responsable autonómica lembrou que a Xunta consignou nos orzamentos deste ano 80.000 euros para o impulso desa oitava zona protexida que tería como núcleo a zona do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e estendería a súa área de influencia desde Baiona ata Porto do Son por toda a costa.

Ángeles Vázquez puxo en valor que o 42% do territorio galego está amparado na actualidade por algunha figura de protección e que a creación desta oitava reserva elevaría esa porcentaxe por enriba do 50%, o que suporía avanzar na harmonización da conservación dos espazos naturais co desenvolvemento económico e social da comunidade autónoma. De feito, esta oitava reserva englobaría máis de 90.000 hectáreas de superficie, o 92% delas no ámbito marítimo.

Nesta liña, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático salientou o papel da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia tanto na suma de esforzos como para reforzar a posición e a imaxe ante os organismos internacionais, especialmente ante os que dependen da Unión Europea. Ao mesmo tempo permite crear vínculos de cooperación e avanzar en eidos de interese común como a gobernanza, a implicación da mocidade, a creación de marcas de calidade ou a posta en valor dos espazos protexidos galegos en todo o mundo.

20250204 AVMComiteReservasBiosfera