O Antela volve gañar na casa (Antela 1- Melias 0)
A Liga chega a un dos momentos do ano co Antela facéndose cada vez máis grande, con 15 vitorias e 48 puntos.
A Moreira foi un bálsamo para o Antela, que precisaba reencontrar ao mellor Óliver, profundidade no ataque e gol. Tivo de todo durante os primeiros 30 minutos, onde puxo en moitísimas dificultades ao Melias, que non sorprendeu polo seu desempeño no choque. Óliver liderou a ofensiva e o Antela topou un burato pola esquerda do ataque, con Tiago Teixeira e Jorginho facendo o traballo de roza.
Anxo foi un puñal pola dereita e Carlos, cada vez con máis confianza, percutiu polo centro. A tarde do seu debut no once, Pitu fixo un traballo serio e colaborou a que o Antela se impuxese no medio campo como facía tempo que non se vía. O equipo vai a máis, en case todo… salvo no remate na área rival. As ocasións de gol sucedéronse, sobre todo desde a esquerda, con Óliver encarando e penetrando.
Mais o gol chegou polo medio. Breixo arrancou desde atrás e filtrou un pase afortunado que Óliver resolveu no man a man. Despois o Antela puido matar o partido nun pase atrás de Óliver que Carlos intentou controlar cando a xogada pedía un golpeo. Así, máis pola falta de eficacia do Antela que pola súa defensa, o Melias mantívose no encontro até que despois dun saque de esquina chegou un penalti claro ao seu favor (antes reclamaran outro por mans). Bruno Pío acertou a parar o disparo e Ismael e os locais marcharon en vantaxe ao descanso.
Na segunda parte o Antela deu un paso atrás e xerou espazos adiante, onde Óliver e Tiago seguían divertíndose mentres Jorginho picaba pedra para abrir a defensa. O Melias non tiña máis proposta que balóns en largo e ameazar a balón parado. Así que o Antela meteulle pausa ao partido e velocidade cando fixo falta. Estivo cómodo. Disparou moito, pero unhas veces a defensa e outras certa precipitación no remate, impediron que os minutos finais se vivisen doutro xeito.
Co 1-0, o Melias estivo sempre no partido. A espada pendía sobre a cabeza do Antela. Diso viviu o Melias, como hai unha semana o Nogueira. Os de Bruno Gómez dominan os partidos, negocian o resultado, manteñen a calma… pero ás veces hai accidentes. Hoxe, unha tarxeta amarela a Jorginho e unha vermella a Breixo, que non xogarán o próximo domingo en Velle, cita clave. Foi un prezo excesivo por non ter pechado antes a tarde. Na área do Melias o Antela foi todo nervios e precipitación, mesmo Tiago e Outeiriño en dous man a man diante do meta Viana, dos que os de Bruno perdoan demasiadas veces.
CHEGA UN DOS MOMENTOS DO ANO
Perdoou outra goleada o Antela, desas polas que a grada devece esta Liga na que o equipo volve ir coma un tiro. Mais imos a Velle, o partido máis esperado desde hai nove meses. Data subliñada no calendario. A xente, que o pasou mal en maio, quere un desquite. O Antela ten unha obriga e unha oportunidade. Vai despexando camiño de rivais. Lenta labor de roza dos lobos, que si esta semana perden a Jorginho e Breixo, recuperarán de inmediato a Pedro e Antón. A Liga chega a un dos momentos do ano co Antela facéndose cada vez máis grande con tipos coma Anxo Pena e Carlos González (quen contaba hai dous meses con eles?).
Antela, 1; Melias, 0.
Gol: 1-0, min. 24: Óliver.
PRÓXIMO PARTIDO
Velle – Antela, domingo 16 de febreiro no Campo da Aira | 22ª xornada de Liga de Primeira Futgal.