A conselleira de Política Social e Igualdade reuniuse coa alcaldesa de Porqueira

Ampliación da residencia de Porqueira

Ampliación da residencia de Porqueira

A Xunta investiu 445.000€ para a próxima apertura da ampliación.


Fabiola García puxo en valor a colaboración entre o Executivo galego e as administracións locais para sacar adiante proxectos que melloren a vida das persoas.

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse esta semana coa alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, para avanzar na apertura de ampliación da residencia municipal na que a Xunta investiu 445.000 euros para sufragar as obras. Esta achega económica materializase a través dun convenio de colaboración asinado no seu día.

Na xuntanza, a conselleira puxo en valor a colaboración entre a Xunta de Galicia e as administracións locais para seguir avanzando en proxectos que melloren a vida das persoas. Así, fixo fincapé nesta obra de ampliación que permitirá duplicar o número de prazas residenciais neste recurso municipal. Deste xeito, materialízase a aposta do Executivo galego para dotar de máis recursos aos concellos rurais de Galicia.

Así mesmo, Fabiola García reafirmou o compromiso da Xunta coa atención aos maiores neste concello e destacou que nestes momentos o Executivo galego financia máis dunha decena de Bonos coidado no fogar para atender as necesidades dos maiores que prefiren ser atendidos nas súas casas por alguén da súa familia. Ademais, sinalou que Porqueira conta cunha casa do maior que ofrece unha atención diúrna e totalmente gratuíta ás persoas maiores.