Conversa sobre MEDIOS DE COMUNICACIÓN E PODER na FVR
O venres, 14 de febreiro, ás 20 horas na sede da Fundación Vicente Risco en Allariz
O venres, 14 de febreiro, ás 20 horas na sede da Fundación Vicente Risco en Allariz terá lugar unha conversa sobre MEDIOS DE COMUNICACIÓN E PODER entre Luís Álvarez Pousa, autor de "Medios e políticos, baixo sospeita 1990-2023", e César Lorenzo Gil, xornalista, escritor e editor.
Poñentes
Luís Álvarez Pousa, nado en Vila de Rei (Trasmiras), é un profesor galego titular de Xornalismo Especializado na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Dirixe a revista mensual de información e opinión para o debate Tempos Novos.
Colabora sobre temas de comunicación, cultura e xornalismo en diversas revistas especializadas, tendo impartido sobre estas cuestións numerosas conferencias dentro e fóra de Galicia.
Exerceu como xornalista en La Voz de Galicia durante 23 anos, xornal no que foi o seu primeiro cronista político nos anos da Transición.
É tamén membro do consello asesor do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), e membro dos consellos de redacción das revistas Tempo Exterior e Criterios. Dirixiu e presentou Encontros, o primeiro debate na historia da TVG.
É o director do Observatorio Galego dos Medios do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
A súa última obra "Medios e políticos, baixo sospeita 1990-2023" foi reseñada por Xosé Manuel Beiras como: “A farturenta manchea de textos recollidos neste volume son a testemuña viva e a irrebatíbel proba da insubornábel afouteza e diáfana visión de Luís Álvarez Pousa no exercicio do labor dun xornalista auténtico na sociedade na que lle cadrou vivir: o do xornalismo de combate democrático”.
César Lorenzo Gil, nado en Cequeliños (Arbo), é un xornalista, editor e escritor galego,tamén coñecido como César Cequeliños.
É director de Aira Editorial e editor da revista literaria Biosbardia. Forma parte do comité de redacción da revista Luzes e do consello de redacción de Protexta.
Foi correspondente de El Correo Español-El Pueblo Vasco en Galicia, redactor en Meta Sport, colaborador de EFE.
Gañador de Premio Torrente Ballester 2023 por Sábeme a salamántiga o ceo da boca.
As súas dúas últimas obras son: "A gran novela galega" (2023), e "Sábeme a salamántiga o ceo da boca" (2024).