A XUNTA VOLVE OFRECER AXUDAS PARA MELLORAR IDIOMAS NO EXTRANXEIRO

A XUNTA VOLVE OFRECER AXUDAS PARA MELLORAR IDIOMAS NO EXTRANXEIRO

Os estudantes de 1º e 2º de bacharelato poderán solicitalas ata o vindeiro 3 de marzo.

Como xa fixera o ano pasado, a Xunta pon de novo en marcha o programa Axudasle, orientado aos alumnos de bacharelato que desexen mellorar o seu nivel de inglés, francés, portugués ou alemán pasando tres semanas nun país onde se fale unha destas linguas no próximo verán 2025.

111

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional convoca 647 prazas que se repartirán entre o alumnado de toda Galicia segundo a nota media do curso pasado e a renda familiar, sendo diferente a achega económica que o estudante deberá facer por causa destes dous factores.

Para poder gozar de tres semanas, en réxime de residencia ou familia, con todo incluído a cargo dunha empresa especializada neste tipo de actividades educativas, os alumnos deberán ter polo menos un 6 de media na lingua estranxeira en cuestión.

Tras pasar por todas as listaxes, quen consiga estas axudas gozará de actividades culturais e deportivas ademais de clases centradas na mellora á hora de falar e expresarse no idioma que se vai perfeccionar.  Doutra banda, o alumnado tamén fará excursións a lugares de interese da vila na que se aloxe e viaxes dun día a cidades importantes do país, obtendo ao final da estancia un título acreditando a asistencia do adolescente nestas actividades.

Calquera persoa que aproveitase esta oportunidade, como é o meu caso, non negará o feito de que pasar 3 semanas no verán facendo novas amizades, mellorando un idioma e coñecendo mundo con todo pago deixa montóns de recordos e experiencias inesquecibles que, sen dúbida, axudan a formar futuros adultos nas mellores mans e da mellor maneira.

É por isto polo que, se estás en bacharelato, non deberías dubidar en solicitala no seguinte enlace:

https://www.edu.xunta.gal/axudasle/

Daniel Rivero Meno