O afeitado

            A dependenta, moi ben afeitada por certo, a muller non tiña nin un pelo de barba, díxome que era de teixugo branco, iso si con punta prata, o “summum”, segundo ela moito mellor co gris, ou de dúas cores; mango de nácar de non sei que demo dixo, de pampo que estaba mirando para a brocha, e todo metidiño nunha funda de aligator, de cor laranxa, por certo, que non sabía que houbera crocodilos, en realidade son máis da familia dos caimáns, de tal tonalidade, e pensei, haberá que facer un esforzo que levas traballando arreo, así que vas darte un capricho, ata os catrocentos euros chegas, queda para toda a vida,  máis non que xa sería fornicio...

O outro día, agora que xa vou camiñando mellor, nun paseo ao carón do río Limia, vin un teixugo, que ía todo pampo, dando el tamén unha volta en plan estou a combater o colesterol, xa que pinta de ir buscar algo que levar ao dente non portaba dende logo, máis ben o único que lle faltaba era acender un “piti” e facer volutas coa fume de tranquilo e relaxado que estaba. Facía tempo que non vía un, e como sempre que o fago, debo recoñecer que non o analizo en plan biólogo, ou amante da fotografía, senón  de persoa que se leva afeitando con brocha e non emprega ningún tipo de xel, crema da boa, dende fai máis anos dos que eu quixera.

            O meu co afeitado, e hixiene persoal en xeral, recoñezo que é un chisco esaxerado, pero vén de familia, polo lado materno, onde o meu avó xa foi moi criticado por bañarse tódolos días, naquelas épocas en que había que quentar a auga en moitas ocasións, senón estaba acendida a cociña de ferro. Teño un tío que ía tomar a sauna dúas veces á semana e levaba fonendo médico e chegou a tomar a tensión, en tal lugar de suar a eito,  con aparello para tales mesteres; se vía que a súa vida corría perigo, segundo o seu leal saber e parecer, grazas aos adminículos devanditos, saía ás carreiras, pero mantiña que para a limpeza da pel, mínimo dúas cada sete días, que a ducha cada vinte catro horas non abondaba, a día de hoxe anda moi eivado e xa non pode ir, e o leva de moi mal humor.

            Eu teño que afeitarme con brocha, non me vale outra cousa, e a escuma ten que ser mentolada, e emprego dúas coitelas, unha de cinco follas para ir a pelo e contra pelo, dúas pasadas de brocha por tanto, e logo coa de dúas coitelas, fago o de embaixo do nariz, porque a outra non me entra tan ben e pode quedar algún molesto pelo, de execrable presenza nunha face ben afeitada.

            Ver por tanto ao teixugo trouxo o pensamento de quen puidera levarlle a cola, posto que as brochas de mellor calidade son de teixugo precisamente, logo poden ser de porco bravo, de cabalo, de castor e incluso as de nailon, a cal non debe ser usada xamais por un auténtico cabaleiro, agás que sexa alérxico ao pelo animal, pero en fin iso é outra leria que será tratada no intre procesual axeitado. Hai dentro do teixugo tamén de distintas calidades, que se gris, que se branco, que se dúas cores.

            Nunha ocasión, nunha cidade de esas onde eu non podería vivir xamais, das que pasan do millón de habitantes, entrei nun local dedicado tan só a cuestións de afeitado, xa que aproveito cando por labores profesionais debo desprazarme a tales urbes, a esculcar no único que me gusta de tales sitios, librarías ben fornecidas, teatros, casa do fumador, ou como no presente, casa de produtos de afeitados.

            Entrei en éxtase, se estar en tales poboacións ponme de mal humor, recoñezo que cando accedo a algún local como os descritos, fago unha pausa, tempo terei ao saír de volver rosmar. Aquelo era un canto á concupiscencia do barbeado, navallas, coitelas, cremas, máquinas para asentar as navallas, complementos do máis variado, dende carautas para deixar distintos tipos de barbas e afeitar nun punto ou outro, ata bacías para a escuma de diversos materiais.

            Merquei algunha crema mentolada de marca distinta á que uso normalmente, por probar, prezo razoable; botei un ollo a coitelas tamén das que non atopas aquí e non me convenceu ningunha, estou contento coas que emprego, prezos tamén razoables; e logo, como non podía deixar de facer, fun mirar brochas, e case teño un orgasmo, centos e centos, distintos prezos, algúns cristiáns e outros non tanto, ata que os meus ollos pousaron nas que non tiñan prezo, e dentro delas batín cunha da que tiven un namoramento súbito, sen posibilidade de fuxida, sen marcha atrás algunha.

            A dependenta, moi ben afeitada por certo, a muller non tiña nin un pelo de barba, díxome que era de teixugo branco, iso si con punta prata, o “summum”, segundo ela moito mellor co gris, ou de dúas cores; mango de nácar de non sei que demo dixo, de pampo que estaba mirando para a brocha, e todo metidiño nunha funda de aligator, de cor laranxa, por certo, que non sabía que houbera crocodilos, en realidade son máis da familia dos caimáns, de tal tonalidade, e pensei, haberá que facer un esforzo que levas traballando arreo, así que vas darte un capricho, ata os catrocentos euros chegas, queda para toda a vida,  máis non que xa sería fornicio... Xa, xa, mil seiscentos euros dixo que valía...con dor de corazón pero a carteira enteira marchei.

            É por iso, que xa teño comentado no Centro Social de A Filgueira (Porqueira), que se algún día ven pasar un teixugo sen cola, vale, cómpre recoñecelo, fun eu, non me din coutado...  

            PD: Feliz entroido para todo o mundo, e coidado co afeitado que nestas datas prodúcense excesos e o pulso pode tremer...

 XOSÉ LOIS BREA SANMARTÍN