O alcalde de Vilar de Barrio desminte as acusacións vertidas polo PSdG-PSOE
Concello de Vilar de Barrio cumpre estritamente a normativa laboral de aplicación ao seu persoal
Desmíntense categoricamente as afirmacións realizadas en varios medios por algúns membros do PSG-PSOE e PP. Pois, o Concello de Vilar de Barrio cumpre estritamente a normativa laboral de aplicación ao seu persoal; as persoas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, en particular, si están a percibir dietas por desprazamento; en ningún caso, as devanditas persoas traballadoras realizaron horas extraordinarias non abonadas, nin se lles impuxeron períodos de desfrute de vacacións –sendo todos eles consensuados-.
Mostra da especial sensibilidade co persoal –e, de xeito sinalado coas persoas traballadoras do Servizo no Fogar- é súa estabilización no ano 2023 e o mantemento de todos os postos de traballo –malia ao descenso considerable do número de persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar, determinante dunha diminución moi notable da carga de traballo-.
O Concello de Vilar de Barrio foi obxecto nos últimos meses de comprobacións e requirimento por parte da Inspección de Traballo e Seguridade Social, tendo coñecemento no día onte –pola nota de prensa do PSG-PSOE- de que estes foron consecuencia dunha denuncia ante o citado organismo por parte dalgunhas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar. O Concello aportou toda a documentación solicitada e presentou alegacións ante o requirimento, nestes intres pendente de resolución definitiva. A mesa de negociación, reunida no día de hoxe, amosou a súa discrepancia cos termos do requirimento.
A negociación colectiva no Concello de Vilar de Barrio está sendo obxecto de utilización política por parte dalgúns sectores do PSG-PSOE e do PP, amosando un absoluto desprezo polos intereses das persoas traballadoras e os dereitos de liberdade sindical e autonomía colectiva da organizacións participantes na negociación.
Agradecemos ás organizacións sindicais participantes na negociación a súa vontade de acordo. Agradecemos aos concelleiros do PSG-PSOE e do PP, así como aos simpatizantes de ambas formacións políticas, que amosaron o seu apoio ao equipo de goberno, o seu compromiso co Concello.
Manuel Conde Gómez