​Relevo na alcaldía de Vilar de Santos.

​Relevo na alcaldía de Vilar de Santos.

Rubén Colmenero sucederá a Antonio Míguez na alcaldía da localidade limiá.

O sábado 22 de febreiro ás 12h celebrarase, no Salón Multiusos do Concello de Vilar de Santos, un pleno singular, especialmente para o Grupo Municipal do BNG: Antonio Míguez, que asumira en marzo do 2022 a alcaldía deste Concello, tomou a decisión de dar o relevo ao actual tenente de alcalde, Rubén Colmenero.

“O Rubén é unha persoa ben preparada para o cargo e temos, ademais, un equipo extraordinario que, por suposto, seguirá contando coa miña axuda”, afirmou Antonio Míguez. “Eu non marcho, isto é únicamente un paso a un lado. O BNG de Vilar de Santos vai seguir contando comigo e manterei o meu cargo como Concelleiro para apoiar a elección do novo alcalde.”

Rubén Colmenero quixo destacar o excelente traballo levado a cabo por Míguez, do que sinala “a súa dedicación ao bo desenvolvemento do noso Concello e á mellora dos servizos municipais para as veciñas e os veciños”. En canto ao cargo que está a piques de asumir, Colmenero vese “con moita forza, moita ilusión e sobre todo, con ganas de continuar a labor do Antonio e seguir facendo que a nosa veciñanza se sinta orgullosa de vivir aquí”, aínda que insiste, iso si, na “responsabilidade, traballo e entrega que require a alcaldía dun Concello coma o de Vilar de Santos”, que promete desenvolver do mellor dos xeitos posibles.

“Dende o BNG non nos queda máis que mostrarlle o noso máis profundo agradecemento a Antonio Míguez polo seu impecable traballo e desexarlle a Rubén Colmenero toda a sorte que estamos seguros, non vai precisar”, engadía Marcos Nogueiras, o responsable da organización política na comarca, quen aproveitou a ocasión para convidar a toda a veciñanza a asistir e acompañar ó Grupo Municipal neste acto de relevo.

WhatsApp Image 2025 02 12 at 15.08.23 (2)