O Antela rompeu o maleficio do Monte da Aira (Velle 0- Antela 2)

O Antela rompeu o maleficio do Monte da Aira (Velle 0- Antela 2)

O Antela deu onte un bote sobre o trampolín do tempo… a ver até onde alcanza o salto.

O Antela superou ao Velle con máis rotundidade no xogo da que expresa o marcador (2-0), cobrou desquite do ano pasado, conxurou o meigallo do Monte da Aira e despediu outro rival da loita polo campionato (ascenso directo). O Antela volve gobernar, firme, esta Liga. Iso era o soñado… pero houbo máis onte nun Domingo Oleiro que amenceu con chuvieira e rematou nunha tarde espléndida que iluminará o futuro.

Hai partidos-trampolín, un atallo que dispara o tempo, partidos-salto que no mesmo movemento exorcizan o pasado, adeus Velle, e anuncian o porvir. Un equipo que muta nun día, da mañá gris á tarde brillante, que esperta sen Breixo, Xabi, Óliver e Jorginho, e medra con Pedro, Outeiriño, Lois, Anxo… e Antón, un futbolista singular, xenio á medida do Antela.

En realidade, o equipo estaba mudando de roupa pola semana. Emitía sinais estrañas, un mal partido de adestramento o xoves, tensión, incomodidade… Sen Breixo, Óliver e Jorginho, futbolistas ortodoxos que viñan sostendo o equipo, o Monte da Aira parecía unha montaña infranqueábel, un castelo. O Antela, convulso, miraba ao pasado. E non vía -non podía ver- o que había detrás do castelo.

A Bruno Gómez non lle quedaba outra que remover o once. Foi intelixente nas eleccións máis delicadas e apostou polos ortodoxos: Lois apareceu como central e Anxo como nove. Foron Breixo e Jorginho. Así, o Antela foi un puño movido por un poderoso brazo: Bruno Pío-Lois-Caneiro e Anxo.

Con Boán no seu nivel de todo o ano, o adestrador utilizou a Cole e a Tiago nos laterais, e foron de menos a máis: acabaron por merendarse aos rivais en canto se adaptaron ao escenario. Adiante, Bruno soltou os lobos (benvido, Outeiriño) liderados polo Pedro. E o Antela foi pouco a pouco gañando balón e campo. Outeiriño avisou aos vinte minutos cun remate ao pau. Dez minutos despois sorprendeu cun disparo a media altura que o meta local non soubo atallar. Con presión alta e boa circulación de balón, o Antela someteu ao Velle até o descanso.

ANTÓN FOI ANTÓN

O partido estaba para Antón, que apareceu xusto tras o descanso por Joni, con molestias. Antón, xa se sabe, colle o balón, encara, surfea e sementa o caos. Nese caos navegou o Antela durante vinte minutos na segunda metade. Desatouse. Outeiriño descoseu a defensa local pola dereita buscando o interior; Antón desfíxoa pola esquerda percutindo; Anxo, na punta, e Pedro e Carlos, desde os tres cuartos, os lobos, empuxaron cun despregue sobresaínte. Foi o mellor Antela fóra da Moreira desta Liga. Un equipo en pleno salto.

Outeiriño mandou outro balón ao pau. Anxo, Pedro, Antón, mesmo Caneiro e Tiago, probaron ao meta desde a distancia e en xogadas a balón parado. O Velle defendíase como podía e saía disparado á contra. Bruno Gómez interveu para frear o caos. Pitu, Dinís e Aarón apareceron no partido para encher o mediocampo. O Antela, agora ao contragolpe amarrado a Antón, acabou por volver marcar. Antón filtrou un pase cara Pitu, que definiu no man a man a dez minutos do final.

Pitu marcou o seu primeiro gol co Antela no Monte da Aira. Pitu inda non nacera a última vez que o Antela gañou alí. O tempo empeza a contar de novo. Adeus Velle… E olá Anxo Calleja (primeira convocatoria) e olá Lucas Carnero (debutante).

O Antela deu onte un bote sobre o trampolín do tempo… a ver até onde alcanza o salto.

Velle, 0; Antela, 2.

Goles: 0-1, min. 31′: Brais Outeiriño; 0-2, min. 80: Pitu.