O Antela subestimou o Carballiño

O Antela subestimou o Carballiño

Antela 2 - Sporting Carballiño 2

O Antela concedeu un empate (2-2) diante do Sporting Carballiño no partido celebrado a mañá do Domingo Corredoiro. Anxo anotou nunha contra o seu primeiro gol da tempada, e Lois tivo que se retirar lesionado mediada a primeira metade. Malia a ceder o seu terceiro empate na Moreira, os de Bruno Gómez seguen líderes (agora con 7 puntos de vantaxe sobre o Sporting Celanova) e a próxima xornada visitarán ao Polígono, que se colocou terceiro, a doce puntos dos limianos, empatado co Muíños e co Córgomo, que perdeu onte en Allariz despois de dous meses.

WhatsApp Image 2025 02 23 at 16.07.58 1536x1152

O Antela volveu ofrecer a súa mellor versión no arranque de partido e Jorginho marcou aos seis minutos despois dun disparo cruzado no segundo pau tras un centro de Outeiriño desde a dereita. Antón e Outeiriño abriron o campo polos extremos e pisaron área, pero unhas veces por falta de confianza no remate, outras pola poboada defensa rival, os locais petaron contra o muro. O Sporting Carballiño pescou o empate nun balón roubado en medio campo que colleu aos centrais e a Bruno Pío fóra de sitio.

No pareceu acusar o golpe o Antela, que seguiu ao seu dominando o balón e buscando ocos con Pedro e Carlos aparecendo desde os tres cuartos. Os locais estiveron continuamente na área visitante e mesmo a balón parado puideron marcar. Agarrado aos desmarques e aos desbordes de Outeiriño e Antón, e ao traballo de Jorginho abrindo a defensa, o Antela navegou cómodo até a área pequena da meta de Gorka, mais aí morreu todo o seu ímpeto e bo fútbol, cego cara á porta.

Tralo descanso, o Sporting Carballiño botouse inda máis atrás e os laterais limianos -Tiago, pola dereita, e Cole, pola esquerda- tiveron máis presencia en ataque. Porén, o Antela elaborou menos e recorreu a un xogo máis directo que a defensa visitante contrarrestou con menos dificultades. Bruno Gómez axitou o partido coa entrada de Anxo Pena e Óliver. E os locais aumentaron unha marcha, volveron dominar o encontro e acabaron por marcar nunha contra con asistencia de Antón para a carreira de Anxo, que se impuxo aos centrais e definiu con precisión.

Quedaba un cuarto de hora de xogo, o Antela era dono do partido, mais pareceu subestimar a un Carballiño que, a falta de fútbol e aire nos pulmóns, foi quen de meter o xogo nun lameiro de protestas e faltas. Estirou á mañá e sobreviviu na Moreira diante dun Antela inxenuo, malia as leccións desta segunda volta en Maside, en Nogueira… onte. Cederon os limianos ás provocacións, encerellouse o equipo nuns minutos finais de espanto e o Carballiño falou o último.

ANTELA cARBALLINO1

Nas seis xornadas da segunda volta, o Sporting Carballiño é o amo: suma 13 puntos, por 12 do Celanova (un partido menos), e 11 do Polígono; despois están (tamén cun partido menos) o Loñoá e o Córgomo, con 10 puntos, os mesmos que o Muíños; o Velle, o Monterrei e o Nogueira, suman 9 puntos, seguidos polo Antela (un partido menos) con 8.

Antela, 2; Sporting Carballiño, 2.

Goles: 1-0, min. 6: Jorginho; 1-1, min. 14: Champi; 2-1, min. 76: Anxo; 2-2, min. 90+6: Ibai.

PRÓXIMO PARTIDO: Polígono – Antela, domingo 2 de marzo, 24ª xornada de Liga.