"Unha sardiña con máis presencia"
Carlos Enríquez e Iván Prado (Amphilocos) son os deseñadores e realizadores
Este ano, o mércores de cinsa, veremos unha nova sardiña, con moito máis colorido, pero que finalmente será , igual que sempre, pasto das chamas.
Carlos e Iván, Iván e Carlos presentáronlle un bosquexo para a construción da sardiña 2025, que foi aceptado e daquela saíu a construción efémera da sardiña 2025.
Segundo nos contan os autores este ano o que eles pretendían era facer unha nova sardiña que se “asemellara” a unha falla, gardando as distancias coas obras de Valencia, pero que tivera máis colorido e sobre todo que nela se representasen momentos do entroido de Xinzo.
Tal é así que na caixa, novidade tamén este ano, a sardiña leva elementos como olas, axóuxeres, pandeiretas, fachóns, unha pantalla e algún detalle máis, que por suposto, será tan efémera como dure dende o seu traslado, con procesión incluída, ata a queima final.
Os materiais empregados, tamén son os mesmos que se empregan nas fallas e na construción das pantallas do entroido, pero como se pode ver pintada a man e esgotando por primeira vez o papel maché.
SATISFEITOS, PERO NON AO 100%
Os dous están contentos co resultado, aínda que manifestan que si lle deran un pouco máis tempo para a súa elaboración, este ano foron escasos 20 días, o resultado loxicamente sería mellor. Esperan que si o concello está contento co seu traballo se repita o vindeiro ano, pero comezando, a ser posible, despois da Sainza.