IXP Pataca de Galicia destaca a importancia da colaboración para garantir un futuro sólido para o sector

IXP Pataca de Galicia destaca a importancia da colaboración para garantir un futuro sólido para o sector

O noso principal obxectivo é traballar conxuntamente para garantir que a pataca galega manteña os máis altos estándares de calidade e prestixio

O Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia quere reafirmar o seu compromiso co futuro do sector e salientar a importancia da cooperación entre todas as partes implicadas para asegurar a calidade e competitividade da pataca galega.


O pasado 25 de febreiro tivo lugar en Santiago de Compostela unha reunión na que se abordaron cuestións clave para o desenvolvemento do sector da pataca en Galicia. Neste encontro participaron a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e o alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, xunto con representantes do sector. Desde IXP Pataca de Galicia lamentamos non ter sido convocados a esta reunión, xa que consideramos que a nosa experiencia e labor na supervisión, control e garantía da calidade da pataca certificada pode achegar un gran valor a calquera debate sobre o futuro do sector.

DSC2327

Stand da IXP na pasada edición de ALIMAGRO 

A IXP Pataca de Galicia representa e defende os intereses de produtores, almacenadores e envasadores, sendo o organismo que vela pola autenticidade e excelencia da pataca galega. Entendemos que o diálogo aberto e inclusivo é fundamental para afrontar os desafíos e oportunidades do sector, e por iso reiteramos a nosa total disposición a colaborar con todas as administracións e entidades implicadas.

O noso principal obxectivo é traballar conxuntamente para garantir que a pataca galega manteña os máis altos estándares de calidade e prestixio, tanto a nivel nacional como internacional. Apostamos por un futuro baseado na cooperación, na transparencia e na posta en valor da labor de todos os axentes do sector.

Desde IXP Pataca de Galicia continuaremos a nosa misión de protexer e promocionar a pataca certificada de Galicia, asegurando que os intereses de todos os produtores e operadores do sector sexan escoitados e tidos en conta en cada paso do proceso