Aprobados provisionalmente os orzamentos de 2025 de Xinzo
Oito millóns novecentos oito mil euros terá o concello para todos os gastos, incluidos 390.000 en inversións
Esta mañá a corporación municipal de Xinzo celebrou a súa reunión ordinaria na que entres outros acordos por unanimidade, se aprobaron provisionalmente os orzamentos para o ano 2025, punto no que NON recibiron o apoio nin dos concelleiros do BNG nin do PSOE.
Ata a chegada do punto 10, no que o equipo de goberno presentou os orzamentos para este ano 25, nos que na súa presentación o alcalde xa anunciou que eran uns presupostos "continuistas", posto que son "fabas contadas". Todo isto ven sendo así dende fai anos nos que teñen que cumprir co plan de axuste, polo que é o Ministerio de Economía o que di o que se pode facer cos cartos, nunha consulta previa obrigatoria.
Concelleiros do grupo de goberno
Neste punto da orde do día, no que os membros dos grupos de oposición votaron en contra, o BNG porque quixo dicir que eran os mesmos dos anos anteriores, froito do plan de axuste e o grupo do PSOE, despois de dúas amplas exposicións por parte de Elvira Lama, nas que debullou os orzamentos partida por partida, tamén votou en contra polo motivo de que non teñen nada novo.
Os outros puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade dos presentes:
O primeiro punto foi o informe de alcaldía da situación do proxecto de humanización da travesía da estrada N-525 ao seu paso por Xinzo que foi oficialmente adxudicada o pasado 20 de febreiro. A partir de agora, os prazos iranse sucedendo segundo o calendario establecido para unha infraestrutura desta envergadura. Trátase dunha actuación de gran importancia para a vila, chamada a mellorar tanto a seguridade viaria como a mobilidade e a integración urbanística deste tramo, poñendo ás persoas no centro.
Melloras no casco antigo
Momento de interpelación do BNG
Tamén se aprobou por unanimidade, unha moción do grupo socialista para a reparación de diversas rúas do casco antigo. O concelleiro de Obras, Ramón Gómez, e o alcalde, Amador Díaz, explicaron que estas rúas non están incluídas no Plan HURBE, un proxecto que suporá un investimento de arredor de 2 millóns de euros e que se atopa na súa fase final de preparación. Con todo, o goberno municipal xa previra esta necesidade e está a rematar un proxecto independente cun orzamento estimado de 300.000 euros para mellorar esas vías.
A maiores, recordouse que xa se atenderon demandas veciñais previas relacionadas co casco antigo, tales como:
● Aumento da vixilancia con presenza reforzada da Policía Local e da Garda Civil.
● Limpeza exhaustiva despois de cada fin de semana con medios propios do Concello.
● Instalación de bandas redutoras de velocidade.
● Colocación de tres cámaras de vixilancia para mellorar a seguridade na zona.
Garantía do servizo do Conservatorio de Música
Grupo municipal Socialista
Outro dos puntos aprobados foi a prol do Conservatorio Profesional de Música, un servizo que, a pesar de xerar un déficit nas arcas municipais, é considerado prioritario polo seu valor educativo e cultural. O alcalde, Amador Díaz, comprometeuse a liderar un grupo de traballo xunto cos outros catro alcaldes da provincia que manteñen conservatorios profesionais financiados exclusivamente polos seus concellos. O obxectivo é reclamar apoio económico por parte da Xunta de Galicia a través da Consellería de Educación.
Irmandamento con Ponte de Lima
O Pleno aprobou a renovación do irmandamento entre Xinzo de Limia e Ponte de Lima, coincidindo co 900 aniversario da vila portuguesa. A sinatura formal deste acordo de renovación celebrarase o vindeiro 3 de marzo en Ponte de Lima e o Concello de Xinzo estará representado polo concelleiro de Cultura, Carlos Gómez.
Regulación das colonias felinas
A corporación municipal aprobou por unanimidade un protocolo para regular a xestión das colonias felinas. Este marco legal permitirá traballar de forma sostible na protección e control das colonias, ademais de facilitar o acceso a subvencións públicas para as asociacións que desenvolven esta labor no municipio.
Aforro de 70.000 euros na factura eléctrica
Momento de escoita aos membros da oposición por parte do alcalde
Por decreto de Alcaldía, revogouse a adhesión do Concello ao convenio da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) para o subministro eléctrico, tras un estudo técnico que revelou que Xinzo podería aforrar ata 70.000 euros anuais contratando a enerxía por outras vías.
Despois da aprobación dos orzamentos pasouse aos rogos e preguntas, momentos en que os enfrontamentos entre os membros dos grupos da oposición e os diferentes concelleiros do grupo de goberno, e o propio alcalde, se fixeron mais patentes.