O DEDO NA CHAGA.

Imaxe feita con IA
O DEDO NA CHAGA.

XOSÉ LOIS BREA SANMARTÍN

Non fai falta ser Santo Tomás, o apóstolo (tamén coñecido por Santo Tomás o Xemelgo), para o dedo na chaga, e falo concretando o do apóstolo porque hai algúns que cando se di a frase pensan que foi Santo Tomás de Aquino, errando nuns mil douscentos vinte anos, polo menos, entre un e outro. Digo porque hai persoas que senón meten o fociño a saco nun tema son incapaces de realizar outra actividade intelectual para chegar á conclusión, razoar, pensar, atar cabos, o que vostedes queiran, non, teñen que comprobar en persoa, aínda con risco para a súa integridade, se a cousa é ou non é.            

Caravaggio – La incredulidad de Santo Tomás 1602 det

Os nosos irmáns portugueses o definiron co conto aquel da lápida onde puña que morrera por curioso, por ver se había ou non gasolina dentro da moto, e para comprobalo foi cun chisqueiro, e a tal lápida terminaba cun “...e habíaa”    


A miña nai tiña unha amiga que de cativa, de Pontevedra ela, unha nena ben,  nas épocas en que os ferros para a roupa aínda eran de carbón, fixouse, espelida, que a empregada do fogar que tiñan, mollaba o dedo e logo tocaba o tal ferro, por ver se o tiña á temperatura axeitada, chegando á conclusión de que o servizo era lelo de todo, perdendo o tempo en mollar o dedo coa lingua, que o máis práctico sería pousar directamente a lingua no aparello e así comprobalo dun xeito máis rápido e eficaz; as consecuencias xa as poden vostedes imaxinar, acabou co ferro pegado ao órgano bucal, e logo nun Hospital, e grazas a estar nunha cidade naqueles tempos, que hospitais poucos e non moi ben dotados.

            Non se debe  confundir á persoa que segue a filosofía do “dedo na chaga” con outras que militan nunha próxima pero distinta, que é “poñer o punto no i”, se o dicimos en plural “poñer os puntos nos ies” podería ser sinónimo de persoa minuciosa, de falar con contundencia, de traballo ben realizado, pero se o dicimos en singular, máis ben é indicativo de “toca collóns” por non ser cruel cos cualificativos; así estiveches un día enteiro ordenando o alpendre da casa, quedou limpiño, as ferramentas ben colocadas, aceitadas incluso, ata quitaches o po dos máis agochados recunchos dos mobles, e entra a túa nai, por poñer un exemplo, e mirando para a pía do fregado, con ollada felina comenta chea de razón: “Tamén podías meter os panos en lixivia que os tes ben porcos”, tranquilos todos que ela non o vai facer, só o comenta.

            O do “dedo na chaga” é o que chega a un sitio onde pon “Prohibido o Paso, electrificado”, e o primeiro que fai é ir coller unha herba, verde iso si, e longa, comezando a pasar a mesma por si é verdade ou non o da electrificación, e se o vexetal non resulta revelador, agora non tan tranquilos todos, que irá achegando a man moi a modo, como se puidera sentir a electricidade, e logo, así, a cámara lenta, pousará a man, por ver se queda fritido ou ao forno digo eu; non é esaxeración algunha que o vin eu mesmo (o cartel mentía)

            Tomando un viño coa cuadrilla aínda comentabamos o caso dun ao que avisamos que tiña as rodas do coche lambidas de todo, sendo que ademais da posible multa por parte dos de verde, corría perigo a súa seguridade, que aquelo non podía frear nada ben. O primeiro día de xeada da boa, cando parece que caeu neve, foi probar nas pistas o vehículo para amosar ao resto da humanidade o trabucados que andabamos, que aínda agarraban ben.

            Eu no único que quero meter o “dedo na chaga” e “poñer o punto no i”, é a sensación que me entra ás veces no Centro Social de A Filgueira (Porqueira), cando vas tomar algo e chegan todos cos tractores, espléndidos e inmensos tractores, a mollar a palleta, que ben merecido o teñen, despois dunha xornada dura de traballo, e eu nada, e sempre me digo, cando te xubiles, que vas estar máis tempo aquí e poderás  ter mellor a finca, mercas un deses pequenos, tipo “Pascualí”, de segunda man que non é cuestión de esmagar a pensión que che quede, e ademais de aproveitalo para ter o teu mellor, logo has vir a tomar algo nel e o aparcas ao carón dos grandes, pero ti tamén viñeches en tractor; dedo na chaga e punto no i, todo no mesmo paquete.

            A miña muller non di nada, só mira con expresión pensativa de “segue igual de ideas como cando comecei con el fai unha morea de anos”

XOSÉ LOIS BREA SANMARTÍN