O partido do ano do Antela quedou en empate (Antela 0- Sporting Celanova 0)

O partido do ano do Antela quedou en empate (Antela 0- Sporting Celanova 0)

Os dous mellores equipos desta liga, esforzaronse moito para contrarrestar as virudes do rival.


O clásico, o partido do ano para o Antela, unha cita cargada de tensión e… medo, resolveuse cun empate sen goles que contentou ao Celanova e desesperou aos limianos, que non deron co camiño para tombar a un rival que se refuxiou atrás despois da expulsión de Javi Gallego tras unha primeira parte de corpo a corpo no medio campo. Tanto era o respecto que se tiveron os dous mellores equipos desta Liga.

O Entroido e o horario matinal restaron público e calor ambiental a un clásico co liderado en discusión. Por ese lado, o Antela arrefriou. Ademais, os dous equipos coñécense ben e, desa parte, dedicaron moito esforzo a contrarrestar as virtudes do rival. Bruno Gómez arroupou a Caneiro reforzando o mediocampo con Xabi Lamas, renunciou de inicio aos extremos para xogar con dous puntas (Carlos, volveu á punta despois de tres xogos como interior) e colocou a Lois como central. Lois, de novo, como en Velle, moi seguro, e Xabi Lamas, devolvendo o balón ao piso, foron do mellor no arranque.

IMG 20250309 WA0009

O Antela puxo intención nos primeiros vinte minutos, mais rematou pouco e sempre desde fóra da área. O Sporting respondeu á renuncia do Antela ás bandas adiantando liñas e concentrando xogadores no mediocampo. Defenderon os visitantes moi ordenados e intensos, e o Antela bateu unha e outra vez contra o muro. Así que o Celanova conseguiu que na primeira metade non pasase nada relevante. Nin sequera choveu.

Tras o descanso, o Antela quixo levar o choque ao seu rego. Parecía máis áxil, dinámico e mesmo coa ambición que se espera en partidos desta transcendencia. O Celanova xa empezaba a mover o muro cara atrás cando chegou a expulsión de Javi Gallego (dobre amarela: unha por man antes do descanso e outra no minuto 62 por non respectar a distancia nun saque de falta). O Celanova protestou moito a decisión do árbitro.

No saque da falta, Tiago rematou no segundo pau a gol. O árbitro anulou o tanto por un fóra de xogo posicional de Boán. O Antela protestou moito. E máis protestou contra outro fóra de xogo sinalado cando Anxo (que viña de substituír a Jorginho) lle gañou ás costas a Iván que derrubou ao dianteiro dun patadón dentro da área. O Antela pensou resolver pola vía rápida, alborotouse. E foi petando así cos sucesivos muros.

Bruno Gómez dixo despois que o seu equipo non encontrou a paciencia necesaria na elaboración para ir sometendo ao rival. Mais o Antela dispuxo de disparos francos que non toparon portería; e Brais, pola dereita, e Tiago, pola esquerda, crearon alarma cada vez que percutiron. O Antela quixo gañar; o Celanova, en inferioridade, conformouse con non perder. E conseguiuno. Un punto contra o Antela é o máximo botín que apañaron os mellores equipos do campionato.

Para o Antela é pouco. A Liga de mes e medio, o tramo duro da carreira polo título, conclúe con dúas vitorias e tres empates (nove puntos) en cinco xornadas. Nesta xeira, o Celanova e o Muíños sumaron un punto máis; o Polígono, dous; o Córgomo, os mesmos. O Antela non cede. A dez partidos para o final, mantén 5 puntos de vantaxe sobre o Celanova; 8 sobre o Muíños; 10 sobre o Polígono e 11 sobre o Córgomo.

Co Celanova conta co golaverage a favor e, a respecto do Polígono e do Muíños, cun partido máis (o que xogará co Loñoá o 17 de abril). O Córgomo e o Muíños pasarán máis adiante pola Moreira, onde ninguén gañou aínda.

Antela, 0; Sporting Celanova, 0.

IMG 20250309 WA0004