A DXT inicia este luns unha campaña especial sobre o uso do cinto de seguridade e do SRI

A DXT inicia este luns unha campaña especial sobre o uso do cinto de seguridade e do SRI

Campaña especial do 10 ao 16 de marzo.


1 de cada 5 falecidos en turismos durante o 2024 non levaba o cinturón de seguridade.

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) inicia dende este luns unha campaña especial de control e vixilancia sobre o uso do cinto de seguridade e os sistemas retención infantil (SRI), que durará ata o domingo 16 de marzo.

Axentes da Garda Civil e da Policía Local vixiarán, con maior intensidade durante esta semana, nas estradas ourensás e vías urbanas, o emprego de ambos sistemas de seguridade.

O obxectivo é concienciar sobre a importancia do uso dos sistemas de retención homologados. Segundo os últimos datos, en Galicia o 20% das persoas que faleceron en accidentes de tráfico, no 2024, non levaban o cinto posto.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, acompañou esta mañá ao xefe provincial de Tráfico, David Llorente, e ao capitán xefe do Subsector de Tráfico, Javier Barja, na presentación dunha nova campaña de control do uso do cinto de seguridade e os sistemas de retención infantil (SRI)  posta en marcha pola Dirección Xeral de Tráfico, que tivo lugar a Estación de Servizo de Bemposta, na estrada OU-105.

Por este motivo, a DXT pon en marcha en todo o territorio, do 10 ao 16 de marzo, unha nova campaña especial de control do uso do cinto e dos sistemas de retención infantil. A Garda Civil de Tráfico, xunto con varias Policías Locais da provincia (Ourense cidade, O Barco, Xinzo de Limia e Trives), vixiarán con maior intensidade as estradas ourensás e vías urbanas realizando numerosos controis; aos que se suman catro paneis de tráfico que contan con cámaras de vixilancia para supervisar o emprego desta medida de protección.

O subdelegado do Goberno, Eladio Santos, destacou que se trata dunha “campaña pertinente e necesaria, xa que o ano pasado, nunha campaña similar, detectáronse 1.000 casos en Galicia nos que se estaba cometendo esta infracción. Ademais, o 20% dos falecidos nas estradas galegas non levaban posto o cinto. Está comprobado que é un gran invento para a mellora da seguridade viaria”. Neste senso, os datos son claros, xa que o uso do cinto reduce á metade  o risco de falecemento en caso de accidente e nun 77% en caso de envorcar do vehículo. “Non se trata de sancionar, senón de salvar vidas”, concluíu.

Pola súa banda, o xefe provincial de Tráfico, David Llorente, coincidiu co subdelegado nesta mensaxe pedagóxica. “Gustaríanos lembrar que o cinto de seguridade é un dos inventos que máis vidas salvou na historia. 50 anos despois da súa obrigatoriedade en España, o único falecido na nosa provincia por sinistro mortal de tráfico no que vai de ano non facía uso do mesmo”, destacou.

Ademais, incidiu na importancia do uso deste elemento “en todo tipo de vehículos”, poñendo o foco nos autocares, nos que a DXT observa unha diminución importante do emprego do mesmo.

A capacidade de protección do cinto é igualmente efectiva respecto de todos os ocupantes, pasaxeiros que viaxen nos asentos dianteiros e tamén nos traseiros.

A campaña consistirá nun incremento dos controis coa utilización do máximo número de medios humanos e materiais dispoñibles. Haberá avisos nos paneis de sinalización coma nas pantallas dos vehículos da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.

Na campaña do ano pasado controláronse 49.853 vehículos en Galicia, dos cales 1.030 foron denunciados, entre turismos, taxis, autobuses e vehículos que de transporte de mercancías. Dende o 1 de xaneiro de 2024, en Ourense, perderonse 3.132 puntos por esta cuestión.

Lembrar, que dende a reforma da Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Vial en 2022, non usar o cinto de seguridade ou non facelo de maneira adecuada significa unha sanción de perda de 4 puntos no carné de conducir e unha multa de 200€, e sanción económica se quen non emprega o cinto é un pasaxeiro