ALTRI
Por Xosé Lois Brea Sanmartín
Hai un proverbio chinés que di máis ou menos que o bater das ás dunha bolboreta pode sentirse á outra beira do Mundo. O matemático e meteorólogo Edward Lorenz a partir de tal máxima formulou a Teoría do Caos, afirmando que unha secuencia interminable de feitos, aparentemente desencadeados entre si, acaban por ter consecuencias completamente imprevisibles.
Se a cousa está meditada para o outro lado do planeta, imaxinen vostedes poñer unha macro celulosa no corazón gandeiro de Galicia (Palas de Rei, Melide, Santiso e Agolada), que consumirá máis auga que a provincia de Lugo (informe de Greenpace, que ninguén contradí), e que botará as súas augas podres (segundo os técnicos que outorgan o visto bo da actividade, líquidos cristalinos máis limpos que cando foron collidas na natureza) á ría de Arousa, dúas mil duascentas noventa e dúas bateas de nada que alí hai censadas (censo da Xunta de Galicia), a produción máis importante de mexillón do Mundo, ademais dos parques de cultivo máis sobranceiros tamén a nivel ameixa (os de Carril quedan xusto na entrada do río Ulla na ría), por non falar da ostra, das navallas, e da variedade de mariscos e peixes que nutren e fornecen á ría máis ancha da Terra galega.
Algún poderá pensar que mentres a nosa Limia quede a salvo, pois que lle imos facer, ás veces veñen mal dadas, e desta volta tocou alá, pensando que os proverbios chineses están ben cando queres botar unhas risas e regalan determinados hostaleiros envolvendo os “rollitos de primavera” que fuches tomar a algún restaurante de tal nacionalidade, pero non teñen veracidade algunha.
Que non comunguemos coa forma de ser dos chineses non é óbice para meditar cando din algunha cousa, que xa son a segunda economía mundial por países, e pensen vostedes que unha vez a fábrica en cuestión comece a traballar, os produtos galegos, todos, alimentarios, quedarán tocados por unha sona negra que pechará mercados en moitos lugares, e cando digo todos, digo todos, incluíndo os que aquí producimos na Limia, tanto sexan agrícolas como gandeiros (da Mezquita para alá non che saben moi ben a diferencia de razas de vacún leite, ou vacún carne, para eles serán vacas e xatos galegos, adoecidos polo andazo dunha celulosa, que a saber que herba pacen os pobres animais, meditarán).
Teño familia en Pontevedra, e alí levan aturado a Celulosa dende fai moitos anos, por moitas medidas que se leven adoptado, e cando a quixeron poñer en Ourense, época aínda con Franco no poder, lémbrome do meu pai, home que nunca se quixo meter en lea algunha, e fel cumpridor de canta norma eclesiástica exista (vén da familia que vén, e mira ti por onde que fillo lle tocou), saír a manifestarse contra a mesma, e volver logo de levar algunha labazada por parte das forzas da orde pública, e iso o temos comentado os da miña época, como os pais saíron encirrados a parar aquela celulosa, e conseguírono.
Non comparece cabaleiro, por Deus!, é vostede un analfabeto, a día de hoxe a técnica leva avanzado de xeito tan eficaz que Altri só vai traer postos de traballo, benestar incluso animal e ecolóxico; o do benestar animal non o nego porque unhas cantas bestas van facerse de ouro con tal negocio; o do benestar ecolóxico, mellor vaia escachar da risa cos da súa condición, porque por aí seica non imos pasar.
Un inciso, aposto que asistiremos a unha pretendida politización por parte de algúns chamados “medios de comunicación”, que dirán que os que nos opoñemos somos ou ben ignorantes, ou ben por motivos políticos (que conste, poucos van quedar, a TVG, e algún outro, posto que o artigo do domingo 16 de marzo na Voz, en contra da macro celulosa non debeu acaer moi ben a algúns). Galicia é moito máis ampla do que se pode pensar, e se ben haberá xente que apelará aos postos de traballo que vai crear, de boa fe, sen ver os que vai destruír (moitos máis por goleada de escándalo), cómpre ser persoas con criterio propio, con independencia de partidos políticos, pois a nosa sociedade, repito, é moito máis ampla que o que poden matinar os partidos políticos, e dado o que nos xogamos, teremos que pensar por nós mesmos, e non o que digan formacións de distintas ideas.
Se a técnica está tan avanzada, se vai ser motor económico e social, e se o capital é portugués maioritariamente (sempre cómpre deixar algunha frangulla aos colaboracionistas de aquí) por que non vai para a súa terra? Non terá que ver, ademais da contaminación, que o goberno portugués, con independencia da cor política, leva prohibindo os eucaliptos?, non será que aquí ademais da macro celulosa en cuestión tamén queren inzar toda Galicia de eucaliptos para ter materia prima próxima a semellante criatura demoníaca, abaratando custos?.
Outra cousa de nada, aquí os limiaos no da auga estamos sempre coa orella alerta, se vai precisar 46 millóns de litros ao día, que se quitarán do río Ulla e se devolven 30 millóns, tamén por xornada, para min estercados, segundo os técnicos, xa o dixen, cristalinos, perdemos 16 millóns ao día, non si?, que non veña unha época de seca, ou teremos que mandarlles ata a auga bendita das benditeiras e incluso das pías bautismais de tódalas igrexas de Galicia, en fin...
Non falemos xa da temperatura na ría ao verse privada do líquido elemento; non falemos de que a única posibilidade que aquí temos é apostar pola calidade, por produtos agrícolas, gandeiros e do sector da pesca, que fixen poboación pero que sirvan tamén para desenvolver máis sectores relacionados; o marisco e o peixe traen estaleiros e conserveiras; a leite fábricas; a carne tamén, e así ata case o infinito, sen contar co I+D preciso para poder competir, e que deberá ser noso, porque xa é noso, pero multiplicado por cen.
Poden dicir o que queiran, poden laretar en latín ou en maratí (idioma oficial de Maharashtra, estado da India), poden poñer cantos informes queiran enriba da mesa; con muletas, en cadeira de rodas, ou en padiola se fai falta, pero alí estarei tentando de impedir as obras, agardando poder ir, ben acompañado de veciños, dende o Centro Social de A Filgueira (Porqueira); abonda xa que nos tomen simplemente por seres con encefalograma plano.