Un millón de euros da Deputación para o regadio da Limia este ano 2025

Un millón de euros da Deputación para o regadio da Limia este ano 2025


A Deputación reafirma o compromiso cos regantes da Limia coa sinatura dun protocolo de cooperación para unha comarca “tractora do sector agrario”

O presidente provincial, Luis Menor, participou hoxe na sinatura do protocolo de colaboración entre a Deputación de Ourense, a Consellería de Medio Rural e a Comunidade de Regantes ‘Nova Limia’ para o desenvolvemento das actuacións inherentes ao proxecto de mellora do regadío das 42 captacións de augas subterráneas na Limia. No acto tamén participaron o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez.

Luis Menor puxo en valor a cooperación entre as dúas administracións asinantes como “clave” para levar a cabo a modernización do regadío da Limia e evitar sobrecustos aos regantes, que resultaban “inasumibles” para os regantes, por iso a Xunta e a institución ourensá chegaron a acordos, lembrando que a Deputación ourensá é a deputación galega que máis convenios firma co goberno autonómico. Neste caso, “cumprindo e dando solucións a unha demanda de hai vinte anos na comarca”, dixo Menor.

O presidente provincial fixo referencia á comarca da Limia como "tractora do noso sector agrario” e aos beneficios deste proxecto estratéxico para cumprir coas “necesidades” dos regantes, co obxectivo de que logren ser máis competitivos. “Este é un sector estratéxico no noso rural que non podemos deixar esquecido”, engadiu Menor.

1

Por outra banda, a conselleira de Medio Rural explicou que este proxecto conta cun orzamento de case 36 millóns de euros máis IVE, do que a Comunidade de Regantes ten que financiar o 20%, ademais do 21% do IVE da obra e outros custos adicionais. Así, cualificou como “inasumible” a cantidade que teñen que aboar os regantes algo que, como recalcou, “se trasladou” en numerosas ocasións.

Deste xeito, o convenio asinado hoxe servirá para facer fronte a parte do financiamento que lle corresponde asumir á comunidade de regantes.

Ademais, Amador Saborido, presidente da comunidade de regantes Nova Limia puxo en valor o “compromiso decidido” da Deputación e da Xunta pola comarca, aportando recursos económicos que, dixo, son “imprescindibles” e marcarán “un antes e un despois” para os regantes”.

Cooperación estratéxica

A Deputación de Ourense e a Xunta veñen cooperando no financiamento da modernización do regadío da Limia, dando aos regantes seguridade económica e xurídica para levar a cabo a modernización do regadío nunha comarca eminentemente agrícola.

Neste sentido, a institución ourensá terá investido neste 2025 o total dun millón de euros. O compromiso da Deputación é acadar os catro millóns de euros de axuda aos regantes nos próximos anos.

Obxectivos do plan de regadío

Os obxectivos principais do plan de modernización do regadío da Limia inclúen o aforro e mellora na eficiencia do uso da auga de rega, a regularización dos recursos hídricos da comarca, a introdución de técnicas máis eficaces, a mellora da renda agraria, favorecer unha agricultura sustentable e respectuosa co medio ambiente e a mellora da calidade de vida dos agricultores.