O CDR O Viso participa nunha investigación que analiza e compara innovacións sociais no desenvolvemento rural nos contextos do semiárido brasileiro e de Galicia
Da Universidad Federal de Viçosa (UFV, Brasil) e a USC
En colaboración co CDR O Viso estase a realizar unha nova etapa da investigación “Innovacións Sociais para o Desenvolvemento Rural e a Construcción de Contextos Orientados á Sostibilidade: Experiencias no Semiárido (Brasil) e na Galicia (España)”.
O estudo está vinculado ó proxecto de tese de Gabriel Campelo Barros, doutorando no Programa de Posgrao en Extensión Rural da Universidade Federal de Viçosa (UFV, Brasil), baixo a dirección da profesora Nathália Cosmo, e a coorientación das profesoras Ana Isabel García e María do Mar Pérez Fra, da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A investigación busca analizar e comparar innovacións sociais no desenvolvemento rural nos contextos do semiárido brasileiro e de Galicia, para afrontar os retos rexionais.
Neste recente período co CDR O Viso, ó longo do mes de febreiro de 2025, realizáronse entrevistas en liña e un grupo focal, nas dependencias do Centro de día (Lodoselo) ata onde se achegou a profesora Nathália para debater as accións da organización. Tamén se analizaron ou se analizarán outras dúas organizacións na Galicia, o CDR Ancares e o CDR Portas Abertas.
A Universidade Federal de Viçosa é unha das mais antigas institucións de ensino superior do Brasil. Foi inaugurada como Escola Superior de Agricultura e Veterinaria (Esav), en 1926. A Esav foi transformada en Universidade Rural do Estado de Minas Gerais en 1948, e federalizada, como UFV, en 1969. Inicialmente, a institución destacou nas Ciencias Agrarias, cos cursos de Agricultura e de Veterinaria. Na actualidade ademais de continuar sendo referencia nesas áreas, tamén o é nas Ciencias Biolóxicas, Exactas e Humanas. A UFV ofrece ensino medio e técnico, cursos de gradación e programas de postgrado nos seus tres campus, nos que están matriculados máis de 20 mil estudantes.
Minas Gerais é un gran estado interior no sueste de Brasil con máis de 20,5 millóns de habitantes e un clima tropical e tropical de altitude; famoso polas súas cidades da época colonial que datan da febre do ouro que viviu o país no s. XVIII. A capital e Belo Horizonte