Botamos a andar “A TECEDOIRA” con servizos itinerantes

Botamos a andar “A TECEDOIRA” con servizos itinerantes

Tecendo Redes, Coidando-NÓS

O CDR O Viso lanza o proxecto Tecendo Redes, Coidando-NÓS, co obxectivo de fortalecer as comunidades ofrecendo servizos de proximidade na Comarca da Limia dun modo itinerante. Esta iniciativa persegue a promoción da autonomía e a prevención da soidade, dous aspectos cruciais para a mellora da calidade de vida das persoas que residen no rural e contempla tanto a dimensión individual coma a comunitaria.

O proxecto, que conta cun equipo de profesionais das áreas da educación e traballo social, artella a súa acción a través dun servizo itinerante nunha furgoneta especialmente equipada e adaptada chamada A Tecedoira. Este vehículo será o punto de encontro que recorrerá diferentes zonas rurais da comarca, brindando asesoramento especializado, apoio ás persoas en situacións máis vulnerables, centrándose na poboación de maiores de 65 anos, e dinamizando a vida comunitaria cun amplo repertorio de actividades.
"Este proxecto pretende dar resposta a unha necesidade crecente nas comunidades rurais da Comarca da Limia, onde o illamento social, a soidade non desexa e a falta de acceso a servicios son retos do día a día. Con Tecendo Redes, Coidando-NÓS, queremos tecer unha rede de apoio entre todos, promovendo a participación, o acompañamento e a cohesión social, e creando un entorno máis inclusivo e solidario", explica Aine Opazo, educadora social do proxecto.
A furgoneta A Tecedoira converterase nun espazo de encontro e de aprendizaxe para a veciñanza, onde se realizarán talleres de sensibilización, actividades lúdicas e formativas, así como sesións de asesoramento individualizado en temas como a xestión emocional, o acceso a recursos sociais e a prevención da soidade.
Tania Feijóo, traballadora social da Tecedoira, informa que xa está en marcha a primeira fase do proxecto. “Estamos en contacto con axentes do tecido sociocomunitario da comarca para deseñar o plan de acción que dirixa a segunda fase, a da acción directa coas comunidades nos pobos”.
O proxecto da Tecedoira está aberto ás demandas e peticións que poida facer a veciñanza de calquera pobo da comarca da Limia.
Esta acción é posible grazas o financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da subvención para a implantación de programas de interese social con cargo á asignación fiscal do 0,7% do IRPF, e a Fundación La Caixa.