​O delegado do Goberno en Galicia visitou o Centro de Procesado Avícola do grupo en Ourense

​O delegado do Goberno en Galicia visitou o Centro de Procesado Avícola do grupo en Ourense

Pedro Blanco salienta en Ourense o papel estratéxico de Coren no impulso do sector agroalimentario galego a nivel internacional

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou onte en Ourense o papel de Coren como “exemplo de éxito empresarial, arraigamento territorial e compromiso co futuro do sector agroalimentario galego e español”. Fíxoo durante a súa visita ao Centro de Procesado Avícola que a cooperativa ten en Santa Cruz de Arrabaldo, acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e por responsables do grupo, entre eles o presidente, Manuel Gómez-Franqueira, e o director xeral, Emilio Rial.

Pedro Blanco puxo en valor a traxectoria de Coren, “unha cooperativa galega pioneira que combina tradición e innovación para dar resposta aos desafíos actuais do sector, apostando pola calidade, a sustentabilidade e o benestar animal”. Lembrou que o grupo, con máis de 60 anos de historia,  hoxe líder estatal na produción avícola e conta cun modelo produtivo que integra a 4.000 socios e máis de 3.000 traballadores nas 23 industrias asentadas en Galicia, xerando emprego e riqueza en toda a comunidade.

Durante a visita polas instalacións de produción de polo e pavo, o delegado destacou tamén o compromiso de Coren coa I+D, a dixitalización e a implantación de sistemas de eficiencia produtiva e enerxética.

“Coren é un orgullo para Galicia e unha mostra de como o sector primario pode ser tamén vangarda tecnolóxica”, afirmou o delegado, quen reiterou “a man tendida do Goberno de España” para apoiar proxectos estratéxicos como os que impulsa a cooperativa.

Pola súa parte, o presidente de Coren, Manuel Gómez-Franqueira, trasladou o seu agradecemento ós representantes do Goberno central pola visita e destacou e o interese que amosaron por coñecer a actividade que desenvolve a cooperativa, “unha produción baseada nos principios de respecto ao benestar animal, o coidado do medio ambiente e a máxima calidade”, así como o seu compromiso “co desenvolvemento co rural galego”.

Por outra banda, Pedro Blanco subliñou o respaldo do Goberno ao sector agroalimentario a través do Plan de Recuperación, cunha aposta decidida polos fondos do PERTE Agro. “O Goberno leva mobilizados máis de 2.000 millóns de euros para modernizar un sector clave para o noso país”, concluíu.

Na primeira destas convocatorias, xestionada polo Ministerio de Industria, foron seleccionados 4 proxectos nos que participan empresas galegas e que reciben unha axuda do Goberno de 54 millóns de euros.