O agro galego ten os seus propios Óscar: Xinzo de Limia estrea os Premios SEMENTE
O alcalde de Xinzo, Amador Díaz, reivindicou a importancia do agro na economía local e galega.
Máis de 500 persoas acudiron ao Pavillón dos Deportes de Xinzo de Limia para celebrar a primeira edición dos Premios SEMENTE, unha iniciativa que busca recoñecer o talento, a innovación e a traxectoria no sector agroalimentario galego. A gala, organizada polo Concello de Xinzo de Limia, superou todas as expectativas de participación e acollida, confirmándose como unha cita ineludible para o recoñecemento do agro galego.
O evento contou co apoio de universidades, sindicatos, asociacións e institucións, que non só colaboraron na organización, senón que tamén formaron parte do xurado, encargado de seleccionar os premiados entre as múltiples candidaturas presentadas. A gala, conducida por Xosé A. Touriñán, combinou humor, emoción e recoñecemento, facendo que o público gozase dunha noite inesquecible.
O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, quixo poñer en valor a relevancia destes premios:
“Hoxe é un día especial para Xinzo e para todo o sector agroalimentario galego. Estes premios nacen coa vocación de dar visibilidade e prestixio a un sector fundamental para a nosa economía e a nosa identidade. Xinzo de Limia é a comarca agrícola por excelencia de Galicia, e desde aquí queremos recoñecer o traballo de todas esas persoas que, con esforzo e dedicación, fan posible que os nosos produtos sexan un referente en calidade. Hoxe sementamos algo importante, e estou convencido de que esta semente dará grandes froitos nos vindeiros anos”, afirmou o rexedor.
Pola súa banda, Venancio Salcines, presidente de CESUGA, entidade patrocinadora dos premios, destacou na súa intervención na gala a relación directa do mundo agrario coa nova axenda económica europea, “onde a seguridade dos cidadáns pasa ser o eixo central de todas as políticas europeas”. “Europa necesita independencia e seguridade e ten que empezar pola nosa reserva alimentaria. Aínda que o noso campo é rico en produción, debe ser global e autónomo, diminuindo a súa dependencia de dous elementos fundamentais: as importacións chinas de elementos claves para a produción de fitosanitarios e pensos”. Neste sentido, sinalou que é “un erro estratéxico depender de China no momento actual. A Unión deberá actuar para evitar que a nosa seguridade alimentaria e a alimentación do noso gando estea en mans de terceiros”. “Imos construír unha nova axenda que impactará en Ourense -dixo- e temos que ser conscientes e estar preparados para o futuro que vai vir”.
A gala destacou polo seu dinamismo e por momentos de gran simbolismo, recoñecendo a importancia da innovación, do relevo xeracional e da sostibilidade no futuro do agro galego. Os asistentes gozaron dun evento coidado ao detalle, onde a emoción dos premiados e a calidade das candidaturas foron protagonistas.
Os premiados: un recoñecemento ao talento e á innovación
O xurado, tras un proceso de deliberación marcado pola calidade das candidaturas, seleccionou os seguintes gañadores e gañadoras:
O Premio Especial SEMENTE foi outorgado ao Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, situado en Coristanco, como recoñecemento á súa destacada traxectoria na formación e capacitación de profesionais do sector primario galego. Dende a súa fundación en 1975, EFA Fonteboa ofrece ensinanzas de Educación Secundaria Obrigatoria e Formación Profesional, enfocadas na inserción profesional no medio rural. O centro imparte ciclos formativos como “Produción Agropecuaria” e “Guía no Medio Natural e Tempo Libre”, contribuíndo significativamente ao desenvolvemento e innovación no ámbito agropecuario de Galicia.
Un futuro prometedor para os Premios SEMENTE
A primeira edición dos Premios SEMENTE deixa claro que hai un espazo necesario para recoñecer o talento e a dedicación no sector do agro galego. O alto nivel das candidaturas presentadas, a implicación das entidades colaboradoras e o apoio do público sentan as bases para a continuidade e crecemento desta iniciativa nos vindeiros anos.
“Hoxe plantamos unha semente que medrará con forza. Este só é o comezo dun camiño que queremos percorrer con todos aqueles que fan do agro galego un sector de futuro. O éxito desta primeira edición demostra que era necesario un recoñecemento así. Seguiremos traballando para que os Premios SEMENTE se consoliden como un referente en Galicia e máis alá”, concluíu o alcalde Amador Díaz.