A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade
Ángeles Vázquez e o alcalde de Muiños avalían vías de colaboración para mellorar os servizos de saneamento e abastecemento de auga
Analizaron os proxectos municipais tanto para mellorar a rede de tratamento de augas residuais como para construír depósitos de auga potable.
Acordaron colaborar na realización de actuacións de mellora na senda do Parque Forestal Outeiro da Cela.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, avaliaron onte varios proxectos municipais en materia de augas e patrimonio natural.
Así, durante o encontro o alcalde trasladou á conselleira a necesidade tanto de construír dous novos depósitos de auga potable en Pazó e Picós como de cambiar a tubaxe desde a captación ao depósito en Couso de Salas.
En materia de saneamento, a conselleira e o rexedor abordaron o interese municipal en mellorar as redes de tratamento de augas e de pluviais desde a zona de Tourós ata a estación depuradora de augas residuais (EDAR) da localidade.
A conselleira explicoulle ao rexedor que os técnicos de Augas de Galicia estudarán estas iniciativas de cara a establecer vías de colaboración para acometelas, tanto desde o punto de vista técnico como de financiamento.
Nesa liña, a conselleira reiterou que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.
De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe este ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 millóns de euros, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.
A maiores, no encontro a conselleira e o alcalde analizaron os proxectos municipais para desenvolver varias sendas na localidade coas que poñer en valor o patrimonio natural da zona. Neste eido acordaron colaborar para a realización de actuacións de mellora na senda do Parque Forestal Outeiro da Cela.