CEMENTO E DERRUMBAMENTO
Botarlle cemento ao noso pasado e deixar caer o noso presente lévanos a esquecer no futuro o que un día fomos.
Nós, os limiaos, vemos como pazos, casonas, igrexas ou fontes das nosas aldeas envellecen até caer cunha indiferenza sorprendente. A Limia é un lugar cheo de patrimonio tanto material como inmaterial. Con todo, parece que cada día se bota máis a perder a nosa historia.
Se vas a calquera aldea da Limia, o máis probable é que te atopes con algún edificio ou elemento único que, lamentablemente, estea cheo de hedras, mal coidado, a piques de caer ou arruinado por unha “restauración” definitivamente mal feita. O certo é que a nosa comarca ten moito de onde tirar e, a pesar de que concellos e asociacións están máis ou menos implicados nos monumentos máis importantes, aínda quedan moitos outros esquecidos pola neutralidade dos limiaos e a pouca atención que se lle dá por parte das persoas que realmente poderían facer algo.
Xa só a Alta Limia, como ben se pode ver na catalogación que se fixo na web altalimia.org (onde se poden atopar todos os bens limiaos de interese, cunha ficha técnica con información relevante) ten historia dende a prehistoria até a contemporaneidade: xacementos arqueolóxicos escavados ou sen escavar, mámoas, a vía da prata, aras romanas, igrexas de todas as épocas, luxosos pazos, torres, castelos, mosteiros, fontes... pero a gran maioría de nós non sabemos isto e, en maior ou en menor medida, terminamos por subestimar a nosa terra pensando que aquí non hai nada de interese cultural ou turístico.
A realidade é que as xeracións máis novas tendemos a non valorar a nosa terra e, a este paso, pouco patrimonio material vai existir no futuro do que sentirnos orgullosos. É traballo de todos valorar o que temos ou, polo menos, intentar que non esmoreza nin se volvan cometer abominacións na renovación de edificios e elementos como adoita pasar en Galicia.
Botarlle cemento ao noso pasado e deixar caer o noso presente lévanos a esquecer no futuro o que un día fomos. Que é un pobo sen a súa cultura e historia?
RIVERO MENO