O anti-fútbol converteuse no modo estándar de frear aos limianos. (Maceda 0- Antela 0)
Visitar determinados campos, o que antes era unha festa de veciños, convértese hoxe nunha experiencia nada satisfactoria
O Antela xoga o mesmo partido un domingo tras outro. Desde que comezou a segunda volta, os de Bruno enfróntanse cada xornada a un lameiro de defensas pechadas, faltas continuadas, perdas de tempo… O anti-fútbol converteuse no modo estándar de frear aos limianos.
En Maceda sucedeu o mesmo. Campo pequeno, sol abrasador de marzo á primeira hora da tarde, un equipo incómodo, envíos en largo, choque… e a ver que cae. Na primeira parte, o Antela intentou manter o seu plan con Carlos e Jorginho pelexando arriba e Óliver, Pedro e Tiago, este pola dereita, descolgándose en cada ataque. Non funcionou. Tampouco cando intentou baixar o balón e facelo circular.
Nesas andaba o Antela cando Xabi Lamas se lesionou pouco antes do descanso. Bruno Gómez colocou a Joni de lateral e avanzou a Cole ao medio campo.
O primeiro axuste no medio tampouco mudou as cousas. Na segunda metade o Maceda meteuse definitivamente atrás e iniciou o carrusel de interrupcións de xogo para meter o partido no lameiro. O Antela reaccionou como acostuma: dando entrada a dous extremos (desta volta, Antón e Brais). Mais iso obrigou a Carlos a se atrasar ao medio campo.
Cando o Antela estaba listo para a carga final, como na Peroxa ou a semana anterior contra o Cartelle, Antón resentiuse das súas molestias. Así que a aposta durou exactamente 13 minutos. Entraron Anxo e Xurxo e o equipo reorganizouse de novo: Caneiro entre os centrais nunha liña de tres, con Anxo e Joni polos carrís; Brais con Xurxo no medio; e Carlos, de volta á punta.
O Maceda non apareceu máis que para perder tempo con choques que terminaban sempre cun xogador local deitado uns minutos sobre o céspede. Pero tivo unha ocasión clara nun erro defensivo do Antela que corrixiu Bruno ao borde da área.
Nos últimos vinte minutos (dez de desconto), o Antela atacou con máis claridade, co Maceda apiñado na súa área, e dispuxo de ocasións para gañar. Unhas veces os bloqueos, outras malas definicións, impediron o gol.
O lameiro da segunda volta, onde cada punto é un tesouro, leva á que as forzas se igualen convertendo cada partido nunha festa de pillos na que os árbitros, sen outra ferramenta que a súa personalidade para manter o fútbol dentro das marxes do fútbol, adoitan a cubrir o expediente evitando demasiada violencia no campo. A violencia, claro, dispárase na grada. O xogo esmorece. Visitar determinados campos, o que antes era unha festa de veciños, convértese hoxe nunha experiencia nada satisfactoria, o mesmo domingo semana tras semana coa única esperanza de saír deste lameiro canto antes.
Maceda, 0; Antela, 0.
PRÓXIMO PARTIDO: ANTELA – CÓRGOMO VILAMARTÍN, domingo 6 de abril na Moreira.