Cando a xente se xunta, hai festa. Cando os pobos teñen vida, hai música.
Repenicando ó ritmo do futuro
Temos motivos para seguir vivindo nos pobos
Levamos xa seis anos xuntándonos en Lodoselo o 31 de marzo, sabendo que hai xente que fai o mesmo en Serbia, en Gales, en Alemaña ou en Francia no Día Europeo da Loita contra o Despoboamento. Compartimos a esperanza de facelo tamén o próximo ano, e logo outro e outro máis.
Hoxe falou o pobo. Hoxe falaron a Asunción, a Rosalía, a Josefa, a Lucita, o Miguel, o Felipe, a Marina, a Maruja, a Palmira, o Manuel, a Rosa... e quen quixo falar alí para dicir que temos motivos para seguir vivindo nos pobos, nos mesmos pobos onde viviron os nosos pais e as nosas nais. Temos tranquilidade para pasear, temos liberdade para facer ruído, temos auga limpa e nosa para beber, temos despensas e conxeladores cheos coa matanza.
Para que se nos escoitara máis lonxe, Rosa ensinoulle a Xiana, xa medio adoptada por Lodoselo, a repenicar desde o atrio. Coa forza de quen resiste, encheron de ritmo o ceo, acompañándose cos paxaros mentres o Eo ouveaba. E a Muma escapou.
Cadaquén ten dereito a conmemorar como mellor lle preste, claro que si.
Que de hoxe nun ano.
O programa de sensibilización e concienciación sobre o despoboamento e a necesidade de emprendemento no medio rural, impulsado por COCEDER, está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 dentro dos programas de interese social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF. Ademais, o programa de vivenda rural, que inclúe proxectos piloto para a súa liberación e rehabilitación, está financiado polo mesmo ministerio para actividades relacionadas coa promoción e implementación da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible en España.