Nova sesión informativa sobre o novo Regulamento de Estranxeiría en Xinzo
Trátase da segunda dunha serie de charlas, impartidas pola xefa da Oficina de Estranxeiría, Josefina Rodríguez, e funcionarios da Subdelegación
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, inaugurou esta mañá na Casa da Cultura de Xinzo de Limia unha nova sesión informativa sobre o novo Regulamento de Estranxeiría.
Trátase da segunda dunha serie de charlas, impartidas pola xefa da Oficina de Estranxeiría, Josefina Rodríguez, e funcionarios da Subdelegación, que se están a levar a cabo nas capitais de comarca da provincia coa finalidade de achegar a toda a poboación migrante os cambios nesta lexislación.
Eladio Santos insistiu en que con esta norma o Goberno central busca “responder ás necesidades das persoas migrantes, da actual situación demográfica e do mercado laboral”. “Sempre con seguridade xurídica, para que as persoas que veñen a comezar un proxecto de vida, persoal e laboral, poidan logralo, ao contrario doutras administracións autonómicas que fan manobras obstrucionistas para a regulación, e incluso rexeitan o acollemento de menores e propoñen a súa expulsión do país”, salientou.