Intercambio educativo internacional entre Xinzo de Limia e La Flèche (Francia)
Esta iniciativa forma parte dun proxecto conxunto entre o instituto limiao e o Collège Petit Versailles
Un total de 19 alumnos franceses de 4ème année (equivalente a 2º da ESO) están a participar estes días nun intercambio educativo con 55 alumnos galegos que cursan francés no IES Lagoa de Antela, en Xinzo de Limia. Esta iniciativa forma parte dun proxecto conxunto entre o instituto limiao e o Collège Petit Versailles, situado en La Flèche, no noroeste de Francia.
Durante a súa estadía, os alumnos franceses están aloxados en casas das familias do alumnado galego participante, nun ambiente de inmersión lingüística e cultural. Pola súa banda, as profesoras acompañantes foron acollidas por un docente do propio IES Lagoa de Antela, no centro da vila.
O intercambio, que terá unha duración de cinco días, inclúe diferentes actividades educativas, culturais e turísticas, entre elas visitas ao patrimonio local, actividades de convivencia e inmersión na vida escolar. Entre os momentos destacados da estadía atópase unha recepción oficial no Concello de Xinzo de Limia, unha visita guiada polo centro histórico, e unha parada no Museo Galego do Entroido, símbolo da identidade local.
O grupo galego, pola súa banda, viaxará a Francia o vindeiro 20 de abril, onde será recibido polos seus compañeiros e as súas familias no Collège Petit Versailles, completando así este enriquecedor proxecto de intercambio cultural e lingüístico.