A Deputación mobiliza máis de 868.000 euros en cooperar cos concellos da provincia e diferentes entidades

A Deputación mobiliza máis de 868.000 euros en cooperar cos concellos da provincia e diferentes entidades

O prazo improrrogable de presentación iniciarase o día 22 de abril e rematará o 20 de maio de 2025

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar, na súa sesión ordinaria desta semana, un total de 21 asuntos polos que mobiliza 867.907,38 euros en cooperar fundamentalmente con concellos da provincia (712.417,72 euros) para acometer obras e servizos e para colaborar con entidades como o Consello Regulador IXP Pataca de Galicia, a Asociación Centro de Animación Rural Santa María de Xares ou a Sociedade Recreativa Musical da Banda Popular de Lobios, ás que se destinan 45.489,66 euros.

Ademáis, na mesma sesión aprobáronse as bases reguladoras da convocatoria do concurso público para a concesión de subvencións, dotadas con 100.000 euros, a concellos da provincia con menos de 5.000 habitantes para a confección de cartografía dixital do rueiro municipal e a elaboración e colocación de placas de identificación.

A contía das subvencións obxecto desta convocatoria consistirá nunha porcentaxe do orzamento dos proxectos seleccionados, podendo acadar, como máximo, o 50% do custo total de cada proxecto. Sen prexuízo do anterior, ningún beneficiario poderá obter, ao abeiro desta convocatoria, subvención por importe superior a 10.000 €.

O prazo improrrogable de presentación iniciarase o día 22 de abril de 2025, a partir das 08:00 horas, e rematará o 20 de maio de 2025 ás 23:59 horas, sendo este o derradeiro día e hora no que poderán presentarse validamente as solicitudes.

Premio Rodolfo Prada á xestión cultural

Tamén foron aprobadas na mesma sesión as bases e a convocatoria do VIII Premio Rodolfo Prada á xestión cultural, na súa oitava edición, dirixido a persoas, tanto profesionais como afeccionadas, proxectos ou colectivos, que se signifiquen pola xestión de iniciativas de carácter cultural e que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma Galega ou fóra de Galicia, pero con claras referencias nos seus contidos e obxectivos á cultura galega.

Concederanse tres categorías de premios: Colaboración directa da Deputación Provincial de Ourense co proxecto cultural que promovan as persoas físicas, tanto profesionais como voluntarias, ou colectivos, cunha aportación de 3.000 €, 2.000 € ou 1.000 €. O premio complétase cunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por artistas ourensáns de recoñecido prestixio, así como un diploma acreditativo.

A maiores, establecese un premio por cada unha das catro provincias galegas facéndose expresa referencia a cal delas corresponde cada gañador. Tamén recibirán escultura e diploma e terá unha dotación económica de 1.000 €.

O prazo de presentación de candidaturas rematará o 16 de xuño de 2025.