Comezou en Sandiás a 4ª etapa do Obradoiro de Estimulación Cognitiva con AFAOR
Haberá xuntanzas todos os venres ás 17.00 no local social do Concello de Sandiás.
A Asociación de Alzheimer de Ourense (AFAOR) e a Concellería de Política Social e Participación Cidadá do Concello de Sandiás, ofrece “Obradoiro de estimulación cognitiva” destinados a persoas maiores válidas e/ou con deterioro cognitivo leve, con carácter gratuito nunha cuarta etapa ao longo do ano 2025, despois da exitosa acollida que tiveron os da primera, segunda e terceirafase dos anos 2022-2024.
O primeiro obradoiro deste ano 2025 comezou o pasado venres, 4 de marzo ás 17.00 h da tarde. A concelleira de Política Social e Participación Cidadá, Pilar Cabrera presentou o obradoiro e tamén á nova animadora do mesmo, Luisa Vázquez Carril. Agradeceu o traballo de animación levado a cabo pola educadora social Mayara durante varios anos e deu grazas aos participantes por participar mostrando a súa satisfacción porque cada ano aumentan máis o número de veciños interesados.
Nesta primeira sesión participaron 22 persoas dun total de 26 apuntadas.
Participaron veciños e veciñas de aproximadamente once núcleos de poboación do concello: aldeas de Piñeira de Arcos, Arcos, Vilariño das Poldras, Lavandeira, Santana, Novaiño, Sandiás, Couso de Limia, As Pegas, Cerredelo, Cardeita…
Haberá xuntanzas todos os venres ás 17.00 no local social do Concello de Sandiás.
Os obxectivos do obradoiro van en liña de traballar o embexecemento activo. Trátase de poñer o cerebro á súa máxima funcionalidade e traballar as capacidades mentais como o cálculo, o razoamento, a memoria, e a atención para mellorar as mesmas. As sesións duran unha hora e media e trabállase persoalmente e en equipo. En definitiva, traballar a memoria dunha forma dinámica e divertida.
Entre os tipos de actividades que se realizan destacan estimulación cognitiva, psicomotricidade, cálculo, razoamento, memoria, atención e interactividade con dinámicas grupais, comunicación e interacción entre as persoas. Deste xeito ráchase coa soidade e créase progresivamente texido comunitario. É unha actividade que gusta e adoita ser unha actividade de costume. As persoas interactúan máis, aumenta a autoestima e demandan cada vez máis ditas actividades xa que son actividades para gozalas e non para sufrilas. Estas actividades preventivas son fundamentais dado que o alzheimer é un tipo de demencia moi presente na sociedade actual.