A asociación máis numerosa da comarca celebra o inicio do seu Annus Argenteus
O papel de Beltain poderá ser asumido por unha muller por primeira vez.
A entidade prepara o ano máis completo da súa historia, con máis de 12 eventos destacados.
A Asociación Cultural Civitas Limicorum celebrou unha multitudinaria asemblea xeral ordinaria, á que asistiron máis de 150 persoas. O encontro marcou o comezo oficial do Annus Argenteus, o ano do 25 aniversario da entidade, cun calendario de actividades que promete ser o máis ambicioso da súa historia.
Durante a asemblea anunciáronse modificacións na Xunta Directiva, que non supoñen un cambio de equipo, senón unha actualización natural para reforzar áreas estratéxicas e garantir unha xestión á altura dos retos do 25 aniversario. A nova configuración aposta pola continuidade da esencia e pola integración de novos perfís con talento e compromiso.
Entre os anuncios máis destacados, comunicouse unha decisión sen precedentes: por primeira vez desde a fundación da asociación, a figura de Beltain poderá ser interpretada por unha muller. O papel do xefe das tribos galaicas, antagonista de Décimo Xuño Bruto, abrirá a súa representación a liderados femininos, recoñecendo que historicamente moitas mulleres ocuparon postos de poder nas sociedades castrexas e foron auténticas guerreiras e guías dos seus pobos.
Desde a directiva explican que se trata dun avance natural e respectuoso coa historia, ao tempo que se impulsa unha maior participación e identificación co evento por parte de todas as persoas socias. O casting para este e outros papeis está xa aberto ata o 30 de abril, e poderán participar nel todas as persoas asociadas.
Ao longo da asemblea repasouse o intenso calendario de eventos previstos, entre eles viaxes a festas irmás, celebracións propias, eventos literarios, representacións, espectáculos e o esperado regreso da Festa do Esquecemento, que este ano celebrará a súa edición número XXV.
O presidente da asociación, Marcos Argibay, destacou na súa intervención que “temos un potencial enorme: a asociación máis numerosa da comarca, e seguramente unha das máis grandes da provincia. Máis de 500 persoas unidas nun mesmo rumbo, coa forza necesaria para facer historia.”
Como parte do impulso para afrontar o ano máis ambicioso da súa historia, a asociación aprobou unha actualización da cota anual, que pasa de 20 a 25 euros. Esta medida busca consolidar a sustentabilidade das actividades da asociación, permitir máis iniciativas abertas á cidadanía e seguir apoiando a participación activa en encontros culturais, viaxes e recreacións históricas.
A Civitas pecha así a súa primeira asemblea deste 2025 cunha mensaxe clara: o Annus Argenteus marcará un antes e un despois para esta asociación.
Actividades previstas para o 2025 – Annus Argenteus