Os representantes de América Latina amosaron o seu interese en aspectos como a gobernanza e a experiencia sobre o terreo para xestionar unha reserva natural

A Deputación recibe a unha delegación latinoamericana interesada en coñecer a AECT Raia Seca Gerês-Xurés, un “exemplo de vontade” entre territorios

A Deputación recibe a unha delegación latinoamericana interesada en coñecer a AECT Raia Seca Gerês-Xurés, un “exemplo de vontade” entre territorios

O presidente provincial, Luis Menor, recibiu a autoridades de Brasil, Uruguai e Arxentina que coñeceron de primeira man os obxectivos desta rede de cooperación transfronteiriza entre a Baixa Limia e os municipios do norte de Portugal

O presidente provincial, Luis Menor, recibiu na Deputación de Ourense a unha delegación de autoridades latinoamericanas interesadas no proxecto da Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Raia Seca Gerês-Xurés, como exemplo de boa práctica para implantar nos seus territorios.

Representantes de áreas transfronteirzas de Brasil, Uruguai e Arxentina coñeceron de primeira man os detalles do procedemento da AECT Raia Seca Gerês-Xurés, que permitirá impulsar unha rede de cooperación entre os concellos da Baixa Limia e os municipios do norte de Portugal, co fin de elaborar políticas colaborativas e aproveitar as potencialidades desta zona de fronteira.

Acompañado polo vicepresidente terceiro, Plácido Álvarez, e técnicos da Deputación, que explicaron os pormenores administrativos e legais da constitución da AECT, .Luis Menor deu a benvida aos asistentes e puxo en valor a agrupación da Raia Seca Gerês-Xurés como unha ferramenta “única”, conseguida “grazas á vontade entre Galicia e Portugal”, en dúas zonas de fronteira que “comparten moito, especialmente lingua e cultura”.

Durante o encontro, a delegación latinoamericana indicou os proxectos que están levando a cabo en cooperación con países fronteirizos, así como o interese por coñecer o funcionamento en AECT Raia Seca en aspectos como a gobernanza, a cooperación entre municipios e as experiencias sobre o terreo na xestión dunha reserva natural.

Proxecto “trinacional” de cooperación

A delegación latinoamericana estaba integrada por Maher Jaber (Brasil), alcalde do municipio de Barra do Quarai e coordinador da estrutura trinacional de cooperación transfronteiriza local Comité de Trifrontera, conformado polos municipios de Barra do Quarai (Brasil), Monte Caseros (Arxentina) e Bella Unión (Uruguai).

Daniel Bentancur (Uruguai), coordinador do Comité para el Desarrollo de la Cuenca del Río Uruguay, agrupación dunha vintena de municipios de Arxentina, Brasil e Uruguai que conforman una estrutura de cooperación transfronteiriza local. Tamén acudiu Marcos Follonier (Arxentina), membro da Secretaría Técnica do Comité para el Desarrollo de la Cuenca del Río Uruguay, e por último Chema Cruz, coordinador da Iniciativa Global de la Asociación de Regiones Fronterizas Europeas (ARFE).