Feira de aprender
Feira de Emprego da Universidade de Vigo
O CDR quere andar cos tempos e coa xente. Por iso estivemos un ano máis na Feira de Emprego da Universidade de Vigo para coñecer e facernos coñecer. As oportunidades que ofrece este espazo son, baixo o noso punto de vista, de dobre vertente. Ensinámoslle ó alumnado cal é a realidade rural e laboral na que vivimos e aprendemos cales son os desexos e preparación dunha mocidade que será, moi pronto, parte do tecido profesional que nos rodea.
A xuventude quere saber e quere facer. Vemos unha mocidade cada día máis formada e máis informada, tanto que ás veces parece embarullada. Vemos tamén que ó baixarlle o ritmo responden mellor. Falar cara a cara é sempre mellor ca ter os ollos dirixidos unicamente a unha pantalla. Falamos e escoitamos ó alumnado do Campus de Ourense, especialmente ás estudantes de Educación Social, Traballo Social e Educación Infantil ou Primaria.
E gústanos tanto ver a nenos e nenas rurais en tódalas carreiras...! O outro día o profesor Lizancos contounos que nos últimos cursos de arquitectura na Coruña non había alumando da parte máis rural do País. Aquí aínda non estamos nese punto. Coñecemos xente de Carguizoi en Maceda, xente de Refoxos en Silleda, xente de Carraxo en Laza ou xente de Vilariño en Cambados e moitos outros lugares pequeniños cun futuro moi grande.
Esta acción forma parte do Programa Integral, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da subvención para a implantación de programas de interese social con cargo á asignación fiscal do 0,7% do IRPF