UN NOVO INTERCAMBIO TERMINOU
O pasado xoves, o alumnado de francés de terceiro e cuarto da ESO do IES Cidade de Antioquía retornou de Francia tras dúas semanas cargadas de actividades e incribles experiencias.
O intercambio do centro limiao, un dos máis lonxevos de Galicia, volveu xuntar aos seus alumnos cos do lycée Jean XXIII, na vila bretona de Quintin, durante dúas semanas, tras ter acollido aos seus correspondants o pasado mes de Marzo.
Durante a primeira metade da viaxe, o alumnado viviu nunha casa francesa mellorando o seu nivel na lingua grazas ás familias e aos amigos que alí fixeron. Ademais, viaxaron a distintos lugares e vilas importantes de Bretaña ao longo da semana, aprendendo a cultura e o modo de vida da rexión mediante xogos e visitas, quedando, por último, cos seus corres toda a fin de semana.
Tras isto, os estudantes viaxaron á capital francesa, París, onde coñeceron de primeira man as súas rúas e monumentos máis emblemáticos con explicacións que eles mesmos expuxeron, amais aprender pola profesora de francés parte das historias que agochan os seus barrios.
O intercambio, que xa teñen experimentado centos de alumnos ao longo dos anos, é un dos principais atractivos que o instituto ten e ofrece aos estudantes unha plena inmersión no día a día do país veciño grazas á labor que o departamento de francés, a cargo de Mercedes, fai e seguirá facendo, dando unha oportunidade única á xuventude limiá.