O Antela segue imparable (CD Viana 0- Antela FC 5)

O Antela segue imparable (CD Viana 0- Antela FC 5)

Se seguen con este ritmo poderan celebrar o ascenso nos próximos dous partidos na Moreira: o xoves contra o Loñoá e o domingo contra o Muíños.

Nunha disputa ao borde da área do Viana pouco antes da media hora de partido lesionouse Óliver, ao parecer nun xeonllo, unha mala pisada. A ambulancia chegou rápido para trasladalo ao Hospital de Verín, onde as primeiras probas parecían descartar unha lesión maior. Hoxe coñeceranse máis detalles. O paso do Antela por As Carrelas nunha tarde solleira foi un trámite (0-5) cun custe moi alto.

Viana Antela 2

Naquela altura o partido estaba encamiñado tras o gol de Joni, que foi o máis listo para resolver un barullo dentro da área. O Viana púxolle ganas, e un esforzo notábel nos primeiros 45 minutos, que se estiraron até máis alá dunha hora pola lesión de Óliver.

Até o descanso, o Viana ameazou o que puido, incomodou ao Antela cun fútbol directo e levando perigo a balón parado. Bruno Gómez repetiu once, con Breixo no pivote en lugar de Caneiro. Breixo volveu dominar o medio do campo. E o Antela saíu fácil, mais o Viana cegou as bandas e parou a Jorginho.

Tralo descanso, o Viana apagouse rápido. Brais Outeiriño, substituto de Óliver, abriu a porta da defensa local pola dereita do ataque limiano. Nun saque de esquina chegou o segundo. Con Jorginho rematando de primeiras un balón solto. Jorginho viña de celebrar un ascenso co xuvenil o día anterior. Leva tres semanas goleando: cinco tantos co xuvenil, dous co primeiro equipo. Sabe buscar o seu sitio.

Viana Antela 4 1536x1152

Despois lesionouse Isuardi, no seu último partido antes de regresar á Arxentina, e Bruno aproveitou para dar minutos a Caneiro. Entrou tamén Dinís e Joni pasou ao lateral dereito. A partir de aí, o Antela someteu definitivamente ao Viana. Discutiu máis co árbitro que co rival, con Brais e Dinís percutindo en cada ataque.

Pedro seguiu ao seu e firmou un hat-trick en vinte minutos. Un remate violento e raso desde a área grande, un balón elevado para salvar a saída do porteiro que definiu de media chilena e un penalti que lle cedeu Breixo para que completase un triplete, o seu primeiro triplete desde febreiro do 2022, hai tres anos contra o Santa Teresita na Moreira cando o Antela pelexaba por se meter na fase de ascenso que acabaría gañando.

Así se pechou unha fin de semana feliz, co ascenso do xuvenil, coa vitoria do filial que lle abre as portas á loita pola promoción, con Pedro Castro xa como máximo goleador do equipo (10) por diante dos outros capitáns (Breixo e Joni, 9 cada un), cunha xornada menos para alcanzar o obxectivo… mais coa dor de Óliver, que é a dor de todos no club. Forza Óliver.

Viana, 0; Antela5.

Próximo partido: ANTELA – LOÑOÁ, este xoves, día 17, na Moreira (partido aprazado en xaneiro, correspondente á 19ª xornada).