DESPISTADOS
Non se debe confundir ao “Despistado” co “Despistes”....
Corría o ano 1965 ou 1966; nunha vila galega, un empresario da rama do transporte fixo unha viaxe a Madrid, en compaña da súa santa e casta dona, coa idea de adquirir tres camións novos, que un concesionario da capital deixaba a un prezo, que pagaba a pena a viaxe, posto que estimado amigo lector novo, non existían as redes, nin o móbil, nin o ordenador, e as chamadas telefónicas eran por conferencia e caras, así que unha viaxe ida por volta rápida, só unha noite de estadía, coa muller de asesora financeira, e unha vez pechado o trato, volta para a Terra, con parada en Castela por aquelo da gasolina, e para a casa. Ao chegar os fillos saíron a recibir aos pais, vivenda unifamiliar que se di agora, a emoción de saber se mercaran ou non os camións, ata que o fillo máis vello preguntou un chisco estrañado.
-E a mamá?
Un arrepío de horror pasou pola columna do noso empresario, ao observar que deixara á asesora, na gasolineira, cando ela lle comunicara que ía ao baño a facer algo que só podía facer persoalmente. Para unha maior compresión, direi que o noso “Despistado” tiña unha estatura normal, así como complexión, pero a santa e casta, (non é o verdadeiro nome, pero para situarse) quería que a chamaran “Sarita” pero toda a xente a coñecía como “ O Saritazo”, dada a súa corpulencia; así que temendo pola súa vida (co cal amosou ser sensato) atrincheirouse na habitación que tiña a pechadura mellor, posto que supuxo, e supuxo ben, que “Sarita” logo aparecería, nun taxi (que custou un ollo da cara), e despois de realizar o correspondente pago, con dor de corazón, iría buscar á súa costela, coa idea de felicitalo por deixala abandonada nunha gasolineira de Castela cando ela fora buscar alivio líquido para a súa vexiga.
Acabou intervindo a Garda Civil, que senón o mata, e non puido durmir na casa nun par de meses, ata que a cousa volveu ao seu rego.
Debo dicir que a min a xente que di que é moi despistada, ata que a súa vida corre auténtico perigo sempre a puño en dúbida, non sei si é despiste ou ben simplemente ser nugallán e non querer fixarse nas cousas, abonda ben coa enfermidade do Alzheimer, que precisa de moito máis investimento económico para ver se algún día podemos loitar contra ela, para que veñan uns cantos poñendo sempre a escusa de ser moi despistados, e obrar como se fosen enfermos.
Repito ata que a súa vida corre auténtico perigo, entón, si, recoñezo que estou perante un despistado e xa non hai nada que facer.
Hoxe vai de transportistas, outro igualmente famoso polos seus despistes, tamén con ampla frota de camións, e máis ou menos pola mesma época, baixando os santos do ceo, por haber un andazo de gripe dos de sete estralos, e ter a meirande parte dos condutores na cama, tivo que coller un axudante e levar el un camión. O axudante, visto o humor do patrón nin preguntou onde ían, simplemente montou na cabina e que fose o que o Altísimo quixera; estradas das ruíns, tempo de inverno, e cando comezaron a ver as murallas de Lugo, o “Despistado” comentou.
-Que rápido chegamos que xa vexo as murallas.
-O normal para chegar a Lugo con este tempo – Contestou o empregado
-Que carallo de Lugo se imos a Ávila, non ves as murallas? – Dixo moi serio o “Despistado”.
Non se debe confundir ao “Despistado” co “Despistes”, estes últimos adoitan ter unha intelixencia de morro fino para saírse coa súa, en calquera momento, en calquera ocasión, e boa mostra é cando estás no bar, que non pagan ronda algunha, e se o fan, xa é cando a parroquia minorou de tal xeito, que en vez de dez viños pagan tres, ou sempre os chaman por telefone e teñen que marchar.
No Centro Social de A Filgueira (Porqueira) non hai nin “Despistados” nin “Despistes”. Con ver como se xoga calquera partida de cartas e a memoria existente para saber as que saíron e as que non, xa te decatas de que te atopas perante persoas cunha memoria excelente e aguda intelixencia para argallar un plan de ataque cos naipes en toda regra; e tampouco hai quen procura despistarse para non pagar unha ronda, incluso chega a ser excesivo, que alí mentres non pague todo ser vivo hai que continuar; de feito cheguei a levar un taboleiro dos de “pizarra” dos de sempre, para que se fose apuntando e así non houbera problemas no de pago eu, ti xa pagaches, pero polo de agora continuamos botando man á memoria, sen “Despistados” nin “Despistes”.