Itinerarios: respostas individualizadas para a inclusión
No último ano pasaron polo servizo de Inclusión máis dun cento de persoas de vinte nacionalidades diferentes
O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso continúa apostando por unha metodoloxía de contrastado éxito no apoio ás situacións máis vulnerables como o son os itinerarios de inclusión social e laboral. Porque cada persoa importa e cada historia merece un acompañamento a medida.
A área de inclusión social do CDR O Viso conta con profesionais das disciplinas do Traballo Social, da Psicoloxía, da Educación Social, da Pedagoxía e da Orientación Laboral ó servizo das persoas e familias en situacións desfavorecidas para fomentar a súa inclusión activa e mellorar a súa empregabilidade.
No último ano pasaron polo servizo de Inclusión un cento de persoas de vinte nacionalidades diferentes conseguindo un 30% de empregabilidade en total e un 60% entre as persoas con permiso de traballo activo.
Paula Blanco, traballadora social do CDR O Viso, explica que “construímos plans individualizados para poder adaptarnos ás circunstancias específicas de cada persoa ou familia”.
O tempo medio de duración do itinerario supera os nove meses e no 60% dos casos, as persoas reciben máis de dez sesións de atención presencial, ademais dos seguimentos necesarios.
“A interdisciplinariedade do equipo de traballo é a clave, xunto co esforzo compartido de profesionais e persoas participantes” asegura Blanco.
Estas actividades, Includere e Rural Emprega-T, enmárcase no marco da Orde de subvención do 27 de xuño (DOG Núm.130 de 10 de xullo), pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades privadas de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social para os anos 2023 a 2025, cofinanciada parcialmente pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (código de procedemento BS631A)