Que poden ter en común Paiporta (Valencia) e San Pedro de Laroá?
¿Poderiamos sufrir unha desgraza coma a da DANA de Valencia na Limia?
Carta aberta dos veciños de San Pedro de Laroá.
Estimados veciños limiáns,
Hoxe os de San Pedro de Laroá queremos contarvos un conto… porque nesta época tan conectada que vivimos, paradóxicamente, hai veces que non nos enteramos das cousas que están a acontecer ao noso carón e que pode que, incluso, nos afecten directamente.
O relato comeza nunha pequena aldea chamada San Pedro de Laroá, que os de fóra terían que buscar no Google, pero que todos aquí tedes máis ou menos situada.
San Pedro sempre foi un lugar tranquilo, cunha fermosa igrexa e abrigado por un monte cheo de vida. Os veciños, cunha vida apracible, gozaban do seu tempo libre paseando polas pistas do monte á sombra dos carballos e polas tardes no centro social xogaban ás cartas. Non se atopaba nas súas rutinas ler o DOGA nin esas cousas raras que fan agora nas vilas e nas cidades. Nesta aldea, o que precisa algo vai á porta do veciño, e se é algo de interese xeral ponse un papel no poste da luz para convocar o Concello.
Un bo día, estes veciños enteráronse de que foran agasallados coa construcción dunha piscina. Unha piscina en San Pedro, ¡nunca tal cousa se vira! Resulta que a Comunidade de Regantes Nova Limia, en connivencia cunha empresa chamadaTragsa e outra chamada Seiasa decidiran, por sorpresa, facernos ese agasallo. ¡E qué ben gardadiño o tiñan!
Eran tales as présas por non perder os cartos do regadío que mandaba Europa que andiveron a correr, e será por iso, pensamos nós, que non lles deu tempo a avisarnos. Cando nos enteramos xa seica as fincas eran deles e rematara o periodo de alegacións.
A nós as présas non nos gustan, e algunhas sorpresas tampouco, así que dispuxémonos a facer o que non fixeran con nós: informarnos. Buscamos o proxecto, ese que din que fixeron público e que os veciños xa tiñamos que coñecer, porque seica di o presidente da comunidade de regantes que hai que ler o DOGA cada día, como fai el nada máis levantarse.
Se mirades ese proxecto, atoparedes un deseño tipo de balsa para as distintas que se van instalar no marco do proxecto de modernización dos regadíos.. Cada unha desas “piscinas” ten unha capacidade aproximada de 25.000 metros cúbicos. É dicir, que nos van montar, no monte de cada unha das aldeas afortunadas, unha piscina do tamaño de 8 olímpicas. Xa ata estamos pensando en cobrar polo seu uso aos bañistas que se despracen desde a vila. Xa quixeran as outras aldeas…
Só nos preocupan algúns detalles, tampouco pensen os lectores que son cousas importantes, son pequenos pormenores.
A elección do emprazamento da piscina fíxose dunha maneira que aínda non entendemos. Elixiron tres ubicacións, e, non sabemos por qué, sorprendéronnos cunha cuarta. E non debe de ser calquera cousa esa cuarta, porque se aferran a ela coma a un cravo ardendo aínda sen saber se os terreos son aptos para a súa construcción ou non. Coas prisas do “money, money” déronlle para adiante ao proxecto, e as catas deixáronas pendentes.
Bueno, pois como somos galegos e de aldea, puxemos o letreiro, tivemos a nosa reunión e decidimos pedir cita para falar co señor Alcalde e mais co señor Tenente de Alcalde, que din que tamén é veciño de San Pedro.
Despois de longas semanas de, digamos, dificultades comunicativas, chegou a ansiada reunión. Case non collen os coches no aparcadoiro do Concello da cantidade de xente que alá fomos a falar coas altas institucións.
Saímos ben tranquilos, amigos, todo boas palabras, todo promesas e case sen esforzo, prometéusenos unha reunión cun técnico de SEIASA, un tal Don Clemente, no local Social de San Pedro a semana seguinte.
Volvemos para as nosas casas felices de que por fin nos tivesen en conta. Suspendéronse as “timbas” e limpamos o local social para que, cando viñera ese señor importante de alá de Madrid, ou de onde viñese, levara boa impresión dos veciños. Pero volveron fallar as comunicacións, e a reunión, que ía ser inminente, retrasouse case un mes máis. O bo é que en San Pedro somos xente paciente.
Chegou o gran día, e presentáronse puntuais o alcalde, o tenente de alcalde e o técnico. Qué mal o pasou o señor enxeñeiro, defendendo o indefendible dun proxecto que non era del e pretendendo que os veciños dixeramos amén. Aínda así, foi un home razonable, e logo de varias horas de debate, chegamos ao acordo de que, se lle proporcionabamos unha ubicación alternativa, estudaría mover a balsa para que non perigara a nosa integridade e a dos nosos bens.
Os veciños, sabedores de que os nosos rexidores municipais están cheos de traballo, buscamos pola nosa conta esa ubicación alternativa, falamos cos novos propietarios e presentámoslle un escrito á comunidade de regantes comunicando esta proposta. Fixémolo co corazón doente, porque aínda estabamos sacrificando o noso monte “un pouquiño máis alá”, a cambio da nosa seguridade. Un monte precioso, cheo de árbores e animais autóctonos.
¡Qué mal fixo o papel ese! Dis que din nos bares da vila que un tal “da corbata” e o “expropiador” sentenciaron que, polo poder de certa parte da anatomía masculina, a balsa non se movía do sitio, e vetaron ao técnico a pisar Xinzo de novo.
“Pois haberá que volver onda o alcalde”, pensaron os veciños. E volta a comezar cos problemas técnicos dos móbiles e esas cousas… ata que finalmente se nos convoca a unha reunión de urxencia o luns pasado. Tan urxente era que ¡a nova era que non había novas!
Volvemos para San Pedro outra vez sen nada resolto. Eso sí, o señor Alcalde, home de palabra, dixo que as obras quedaban paralizadas ata que se solucionase o asunto da reubicación.
Señor Alcalde e Tenente de Alcade, lembren vostedes que estamos na Semana Santa e pesa sobre vostedes a obriga de ir á misa e de confesarse, porque desta vez vailles facer boa falta e menuda penitencia lles van a impoñer… Miren vostedes se son xente de palabra que onte, Martes Santo, os veciños espertamos co monte invadido pola empresa Tragsa e pola Guardia Civil, para facer finalmente, e de novo sen informarnos, as nomeadas catas.
Tamén é importante que saibades que, segundo a Declaración de Impacto Ambiental, a auga da piscina, en caso de rotura non soamente vai levar por diante a nosa aldea, tamén vai chegar a Rebordachá e Paredes. Esperamos que este último non saia moi perxudicado, porque resulta ser a aldea do Presidente da Comunidade de Regantes e mais din que o Alcalde tamén casou alí. Supoñemos que estes personaxes, como están tan concentrados lendo o DOGA, non se enteraron da desgraza en Valencia, que levou por diante tantas vidas humanas e con perdas materiais incalculables…
Deixámosvos o mapa de rotura trazado polos expertos para que vexades ata onde chegaría a auguiña en caso de desastre, para que logo ninguén se bote as mans a cabeza, a pesar de que como di algún “expropiador”: “se pasa algo paga a Comunidade, a min, mentres non vaia polo penal…”
A historia continuará… e non deixaremos que se escriba de calquera maneira e sen a nosa participación. Porque coidamos que os veciños temos algo que dicir cando se toman decisións sobre o noso porvir, somos os primeiros que temos que discernir se algo nos beneficia ou nos perxudica, e valorar se nos compensa, en lugar de recibir por sorpresa agasallos coma este que tanto nos está costando devolver ao remitente.
Con todo o noso amor,
Os veciños de San Pedro.