​O Padroado do Museo da Limia insta novamente á Real Academia Galega a que lle dedique o Día das Letras Galegas do ano 2026, a Antón Tovar

​O Padroado do Museo da Limia insta novamente á Real Academia Galega a que lle dedique o Día das Letras Galegas do ano 2026, a Antón Tovar

O II certame literario “Antón Tovar” repite o xurado da edición anterior

Desde o Padroado do Museo da Limia (Vilar de Santos), consideramos que o poeta limiao é moi merecente de que se lle dedique o Día das Letras Galegas do ano 2026, xusto recoñecemento institucional á calidade artística da súa creación. A asociación limiá anima aos concellos e asociacións da comarca a que se adhiran á esta solicitude.

Certame Literario Antón Tovar

Conchita Rúa, licenciada en Xeografía e Historia, profesora xubilada do IES Lagoa de Antela de Xinzo da Limia e membro do Consello Asesor do Museo da Limia, presidirá novamente o xurado do Certame literario “Antón Tovar”.

A Xunta Directiva, na súa xuntanza do pasado 5/02/2025, ratificou o xurado do certame da pasada edición para fallar o Certame Literario “Antón Tovar” do 2025.

O xurado estará presidido, xa que logo, por Concepción Rúa González, profesora xubilada, membro do Consello Asesor do Padroado do Museo da Limia; actuará de secretario Xoán Jardón Nogueiras, oficial Rexistro Xinzo, que tamén ocupa a secretaría da Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia; completan o xurado tres vogais: Xela Fernández Fernández, directora CEIP Carlos Cid Arregui (Rairiz de Veiga), tamén membro do citado Consello Asesor, Manuel Jardón Pedras, profesor xubilado, igualmente membro do citado Consello Asesor e María Garrido Rodríguez, profesora do IES Cidade de Antioquía de Xinzo.

O prazo de presentación das obras remata o 25 de abril, o fallo darase a coñecer no mes de maio e a entrega do premio terá lugar nun acto público que se celebrará no Museo da Limia o 14 de xuño. As bases poden consultarse na web do Museo, https://www.museodalimia.com/

Bienestar Hoteles y Resorts SL e a Revista Tempos Novos patrocinan novamente o premio, consistente nun bono para pasar unha fin de semana, antes do 31/12/2025 para unha parella, en pensión completa, no Hotel Bienestar Termas de Monção ou Hotel Bienestar Termas de Vizela (Portugal) e na publicación da creación premiada na citada revista.

A obra poética e narrativa de Antón Tovar, feita de autenticidade e alta calidade literaria, mantén plena vixencia nos nosos días. A convocatoria deste certame literario Antón Tovar por parte do Museo da Limia quere ser unha nova chamada á sociedade galega para que valore o extraordinario legado creativo do autor ourensán.

[ANTÓN TOVAR BOBILLO (A Pereira, Rairiz de Veiga, 1921 – Ourense, 2004) é unha das voces líricas máis importantes da literatura galega na segunda metade do século XX. Poeta maiúsculo, en palabras do académico Xesús Alonso Montero, o seu valedor incondicional, Tovar é autor de sete poemarios, que van de Arredores (1962) a Cadáver adiado (2001). Creación existencial na procura de entender e explicar a condición humana, que se acrecenta con dous radicais libros de memorias –Diario sin datas (1987) e Diario dun vello revoltado (2001)– e cun sorprendente conxunto de relatos, A grande ilusión e outros contos (1990)]