Xinzo de Limia acollerá un novo obradoiro sobre o xogo romano do muiño, cunha gran final prevista co Arde Lucus
O obxectivo final desta iniciativa será a celebración dunha gran final intermunicipal co alumnado participante do Arde Lucus (Lugo)
O vindeiro venres 2 de maio, a partir das 10:00 horas, a Academia Galespace (rúa Curros Enríquez, 56) acollerá un novo obradoiro didáctico sobre o xogo romano do muiño, organizado pola Asociación Cultural Civitas Limicorum en colaboración coa propia academia.
A actividade está dirixida a público infantil e xuvenil e forma parte dun proxecto máis amplo que comezou a principios deste ano 2025, con sesións formativas nos dous centros públicos de Educación Primaria de Xinzo: o CEIP Carlos Casares e o CEIP Rosalía de Castro. Ao longo destes meses, o alumnado puido achegarse á historia, as regras e o valor educativo deste ancestral xogo romano de estratexia.
O obxectivo final desta iniciativa será a celebración dunha gran final intermunicipal co alumnado participante do Arde Lucus (Lugo), prevista para o sábado 21 de xuño pola mañá en Xinzo de Limia, nun acto simbólico de colaboración entre ambas festas históricas.
A inscrición para o obradoiro do 2 de maio é gratuíta, mais debe realizarse previamente a través dun formulario en liña (https://docs.google.com/
Este programa enmárcase nas actividades previas á XXV edición da Festa do Esquecemento, promovendo o coñecemento da historia e a participación activa da mocidade a través do xogo, a cooperación e a aprendizaxe lúdica.