Deu comezo en Xinzo un seminario sobre participación, inclusión educativa e diversidade cultural
Desde o Concello de Xinzo sublíñase a importancia deste tipo de encontros para reforzar os lazos comunitarios
O Concello de Xinzo de Limia acolle estes días o seminario “Educación e participación na construción normativa das comunidades de acollida”, organizado en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e o grupo de investigación Esculca.
Trátase dun foro aberto que reúne profesionais do ámbito educativo e social, alumnado universitario, representantes institucionais e colectivos locais co obxectivo de reflexionar sobre a diversidade cultural, os procesos migratorios e a participación cidadá.
O programa inclúe mesas redondas, obradoiros e espazos de diálogo que promoven o intercambio de experiencias arredor de temas como os plans de acollida escolar, os novos marcos normativos e o papel da sociedade civil na construción de comunidades máis xustas e inclusivas.
Desde o Concello de Xinzo sublíñase a importancia deste tipo de encontros para reforzar os lazos comunitarios e consolidar o compromiso institucional coa educación, a convivencia e a igualdade de oportunidades.